займ срочно

Libro póstumo de Xosé Neira Vilas sobre as aventuras dun navegante galego polos mares do mundo

0

Compostela, 5 de xullo do 2017 –  Xosé Neira Vilas deixou entre o seu legado póstumo un conxunto de relatos nos que cambia a súa amada terra galega polos mares do mundo. Unhas historias que o autor crucense falecido en 2015 recompilou de varios mariños mercantes galegos e que agora ven a luz no libro Os papeis do vello mariñeiro.

Neira Vilas ofrece, a través de entretidos contos, unha clarificadora visión dun mundo moi descoñecido: o dos mariñeiros que pasan longas tempadas en alta mar percorrendo lugares do máis diverso e coñecendo países, xentes e culturas ben diferentes á propia. Experiencias que conforman unha forma de ser moi particular e que o autor transcribe nestes “papeis” póstumos para que poidamos coñecer mellor o vello mariñeiro galego e as súas peripecias polo mundo adiante nun tempo non moi afastado pero ben diferente ao actual.

Para novelar estas historias o autor creou o “vello mariñeiro”, un personaxe “dunha aldea do interior de Galicia, fillo e neto de labregos, e labrego el mesmo nos seus primeiros dezaoito anos de vida” que, tras a súa morte, deixa nun pallal, esquecidos, moitos dos recordos da súa vida de navegante. O cronista consegue entrar nese recuncho no que atopa “varios cadernos e papeis soltos” que pon “máis ou menos en orde” para escribir a vida daquel veterano mariñeiro.

Así nace este libro póstumo no que o autor “levaba traballando algo máis dun ano”, confirma Luís Reimóndez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, e que non puido ver publicado tras o seu repentino pasamento. Unha obra que xorde da imaxinación do escritor pero tamén “da vida real, posto son historias que lle contaron a Neira navegantes galegos e que despois el novelou co seu inconfundible estilo”. Un estilo directo, non exento de humor e rico en detalles que, ao final do libro, deixan a sensación de coñecermos ao vello mariñeiro como se fose un vello amigo.

Este é o sexto título do autor que leva ao prelo Edicións Bolanda, tras Xosé Neira Vilas: Memoria Gráfica (2013), Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade (2014), Semente Galega en América (2015), Contos vellos para rapaces novos e Quique na aldea (2016).

Presentación en Compostela

Os papeis do vello mariñeiro preséntase este xoves 6 de xullo, ás 20:00 h, no Hotel Monumento San Francisco de Santiago. O acto contará coa presenza do propio Luís Reimondez, do editor Antonio Couto, do profesor e secretario Real Academia Galega Henrique Monteagudo, do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e do secretario xeral de Política Lingüística Valentín García.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies