Lalín, 1 de abril do 2019 – O concello de Lalín ven de sacar a concurso os proxectos de depuradora e saneamento para a aldea de Vilar do Río en Bendoiro.
O contrato vén de se publicar na Plataforma de Contratacións do Estado e divídese en dous lotes. O primeiro, cun orzamento de 51.955 euros, inclúe a dotación da aldea de Vilar do Río cunha depuradora con mecanismo de depuración natural. O segundo, de 49.970 euros, afecta ao saneamento da localidade. En ámbolos casos as cantidades económicas proceden do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra. Tras a publicación da oferta, as empresas interesadas en concorrer teñen un prazo de 20 días naturais para presentar as súas ofertas.
A nova depuradora funcionará a través dun modelo de tratamento innovador que consiste na creación de humedais que depuran as augas residuais a través das plantas que crecen nel. Porén, é máis respectuosa co medio ambiente e o entorno, xa que non precisa do uso de axentes químicos e, ademais, alcanza un aforro de mantemento superior ao 50% con respecto aos sistemas convencionais grazas a que os gastos de mantemento se reducen. O gasto en enerxía redúcese con respecto ás depuradoras tradicionais entre un 80 e un 90%, debido a que practicamente non precisa bombeos. Outras vantaxes desta EDAR son a nula xeración de cheiros e a súa perfecta integración na paisaxe.
Como se establece nos pregos técnicos, co proxecto de saneamento crearase a rede de saneamento de augas residuais no centro de Vilar do Río na parroquia de Bendoiro, que permitirá evacuar estas augas ata o seu punto de descarga, na planta de depuración natural que se instalará no mesmo núcleo. O aspecto principal a ter en conta para o deseño foi a economía de medios para tratar de aproveitar o orografía do terreo, evitando o bombeo e procurando que a rede funcione por gravidade. Para iso, na elaboración do proxecto estudouse detalladamente a topografía do núcleo para deseñar a rede e a súa vertente final en función das súas características. O plan de obra inclúe a demolición de firmes e pavimentos e a escavación de canles para conformar o asento das diferentes tubaxes e conducións do saneamento. O proxecto contempla a posterior reposición de firmes tanto nas zonas pavimentadas como nas cunetas por onde se efectuarán as canalizacións, para evitar o arrastre de terras debido á excesiva pendente.