Esta entrevista foi realizada no mes de Nadal do 2014, aos poucos meses de que Juan Viaño tomara posesión como novo reitor da USC
O actual reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, é un docente nato. Explica, aínda sen querelo, as ideas dun xeito que resulta moi sinxelo de seguir aínda en cuestións complicadas.
Viaño foi sempre un bo estudante e tivo claro desde o primeiro momento que as matemáticas eran o seu “fun un bo estudante no sentido máis usual da palabra e nese sentido o era tamén en matemáticas, pero ademais gustábanme tanto os problemas que buscaba sempre máis, complicábaos eu mesmo para seguir aprendendo, foi unha tendencia que seguiu no bacharelato e que culminou cando gañei a décima olimpíada matemática no ano 1973 o que encamiñou definitivamente os meus pasos neste sentido, ademais por aquel entón ao gañador a matrícula saíalle gratis algo que estou a pensar en recuperar xa que sería unha boa maneira de captar estudantes”.
Conserva moi bos recordos da escola unitaria da que defende os valores “estudei na unitaria de Marrozos que aínda que pertence a Santiago estaba situada na encrucillada cos concellos de Vedra e Boqueixón, a un quilómetro da miña casa; perdeuse o modelo das unitarias en favor doutro que sen dúbida terá vantaxes pero non se pode negar que das unitarias provimos moitas das persoas da miña xeración e que moitas delas destacaron; tamén é certo que naquel momento había uns docentes moi especiais, nun momento tardo franquista no que convivían defensores do réxime con republicanos moi ben formados e cunha vocación docente incontestable”.
Os seus estudos universitarios teñen a súa particular anécdota que xorde cando decide facer a mili polo que naquel entón chámase IMEC. Este formato daba a posibilidade de facer o servizo por tramos para combinalo cos estudos, unha decisión que faría que terminase os 5 anos de carreira en catro “o primeiro ano no canto de empezar en outubro empezamos en xaneiro polo calendario Juliano, polo ministro Julio Rodríguez que tentaba cambiar os calendarios escolares para axustalos ao ano natural, pero a metade de camiño fixéronlle mudar de opinión e tivemos que terminar o curso en xullo; os outros dous anos paseinos de xuño a decembro na mili co que se poden eliminar 9 meses de carreira que acabei facendo en 4 anos en total”.
Cando remata os estudos vaise a Francia cunha bolsa de persoal investigador “estiven no Instituto Nacional de Investigación Informática e automática en Versalles e na universidade Pierre e Marie Curie, aí realicei os estudos cos que fixen dúas tese doutorais una en España e outra en Francia” a partir dos seus doutoramentos continua coas investigacións sempre no ámbito da simulación numérica na que comezou á vez que os computadores comezaban a invadir as aulas e os departamentos. As novas máquinas daban a posibilidade de facer cálculos moito máis complexos en moito menos tempo e iso posibilitou a su colaboración no desenrolo de modelos para próteses de todo tipo, o desenrolo dunha maqueta base para volantes de automóbil ou investigacións no estudo do crecemento dos osos.
A situación da USC non é a mellor e se o estudar matemáticas non lle dá as ferramentas necesarias pódeo facer a súa experiencia na institución xa que desde moi nova formou parte dela “fun titular con 27 anos e catedrático con 32, cando estaba a traballar en París chamáronme para que me fixese cargo do Departamento de matemática aplicada, era moi complexo xa que tiña profesores nos 7 campus que por aquel entón tiña a Universidade en toda Galicia, no ano 86; estiven 8 anos de director e despois centreime na investigación durante 8 anos máis”.
Juan Viaño chega ao reitorado nun momento no que a parte da matemática que fai falta manexar é a aritmética e cunha situación moi complicada “díxeno tanto na toma de posesión como na inauguración do curso, ao equipo de goberno gustaríalle falar de coñecemento, de investigación, de docencia, de calidade de docencia, de captación de investigadores, de produción de resultados científicos, de innovación, de emprendemento, pero desafortunadamente falamos moitísimo de economía no sentido de procura de financiamento, de procura de recursos, de gastar de maneira eficaz, de tentar un plan de equilibrio que nos permita transitar dunha maneira segura e saír do déficit no que estamos metidos, de tentar convencer ás autoridades políticas e á sociedade en xeral de que, sen renunciar á corresponsabilidade que temos, somos un servizo esencial na sociedade porque é aquí onde se forman as persoas que nos van a rexer no futuro [] a sociedade ten que entender que aquí non se pode parar de formar porque iso é perigoso para a propia sociedade”.
Juan Viaño foi durante un tempo concelleiro en Boqueixón e a situación actual da política parécelle sobre todo preocupante “a evolución da política desde que eu a deixei no 2007 resulta nalgúns aspectos preocupante. Tardouse moito en reaccionar á onda de corrupción que se estendeu a todos os partidos sen distinción e agora reacciónase convulsivamente e faise como tentando recuperar o tempo perdido pero isto leva a confundir magnitudes e cometer erros encima de erros, confúndese o grande co pequeno, o importante co insignificante e vai todo envolto no mesmo; tamén é certo que onde antes non se vía nada, non se vía nin con lupa, agora quérese ver todo e iso podería pór en perigo o que podería ter de bo a rexeneración e a recuperación, oxalá non ocorra pero si que vexo uns certos perigos en tratar de estendelo todo”.
O novo reitor ten un traballo por diante moi complicado pero no seu favor hai que dicir que é unha das mentes mellor ordenadas que entrevistamos, herdanza do seu espírito matemático; a Universidade de Santiago de Compostela foi sempre un motor da cidade e da comarca, de todos, e non só deles, depende que siga séndoo.