Compostela, 11 de abril do 2019 – Jazz da Rúa Nova é un concerto de artistas consagrados da escena compostelana que terá lugar esta tarde no Teatro Principal.
Esta tarde protagonizarán o Jazz na Rúa Nova Pablo Castaño Quartet e Pablo Sanmamed que presentarán dúas novidades discográficas: A-la-láa e 16/04 respectivamente. Trátase dunha noite de jazz no corazón da Cidade Vella, lugar onde se tocaba por vez primeira esta música en Galicia nos anos 20 en locais senlleiros coma o Café Español, o Teatro Royalty ou o Quiqui Bar.
Pablo Castaño Quartet, coa colaboración da cantante Ugia Pedreira, presentan A-la-láa, un disco feito a partir da inspiración dos cantos pausados e melilsmáticos da tradición oral galega e debuxado coas cores e sotaques do jazz neoiorquino.
A-la-láa explora dende a linguaxe do jazz as melodías e modos do alalá, xénero fundamental da música patrimonial galega. Adaptacións, composicións propias e versións en formato de cuarteto coa colaboración vocal da grande Ugia Pedreira en dous temas. O cuarteto de Pablo Castaño, de tradición jazzística, está composto por saxofón, piano, contrabaixo e batería. Atópase influenciado sen dúbida polos cuartetos e pequenos ensembles esenciais da historia do jazz liderados por instrumentos de ventos, dende Lester Young, Charlie Parker, John Coltrane e un longo etc. O álbum bebe de fontes rigorosas como o Cancioneiro Musical de Galicia, de Casto Sampedro, ou o Cancioneiro Popular Galego da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart.
Pablo Sanmamed Trio presentan 16/04, un paseo polas corredoiras do jazz con ritmos e aires da world music, o que é o primeiro disco liderado e gravado polo contrabaixista Pablo Pérez Sanmamed.
Jazz e word music danse a man neste esperado disco debut de Pablo Sanmamed Trio cheo de melodías das que fican na cabeza. Nel mergullámonos nunha atmosfera especial na que se suceden valsas afrancesadas, horos romaneses e sabores varios das músicas de transmisión oral nun proceso de deconstrución musical dende a linguaxe do Jazz. Unha particular banda sonora na que se conxugan composicións orixinais de carácter descritivo con pretextos compositivos nos que intuír distintas sonoridades de raíz.
16/04 é un disco de excepción da nova escena musical do jazz de Compostela, distinguida polo seu interese na materia prima das músicas tradicionais