Compostela, 14 de maio do 2024 – Este vindeiro xoves, día 16, comeza en Compostela a quinta edición do Plataforma Festival de artes performativas.
Plataforma. Festival de artes performativas está organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo) coa colaboración do Concello de Santiago, e celebrarase en múltiples localizacións de Santiago de Compostela ata o 25 deste mes de maio.
O músico Benxamín Otero en colaboración coa Coro da Ra son os encargados de abrir o festival ás 20.00 horas na Praza das Praterías de Santiago de Compostela. Neves Seara, Grace Schwindt, Mónica Valenciano, Nuria Vil, María Jerez, Nuria Sotelo e Luz Arcas, Juan Domínguez, Vasco Araújo, Russ e Ana Gesto completan o cartel desta edición.
Plataforma Festival foi presentado no concello de Santiago pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao e os seus organizadores, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez. Louzao recordou que “é un festival que fomenta a colaboración entre artistas de diferentes disciplinas, o que favorece o cruce de públicos diversos e promove interesantes conexións creativas”.
A edila de Capital Cultural tamén destacou a celebración da segunda edición do Premio Plataforma “á traxectoria dunha artista que tivera unha importancia clave para a evolución do xénero ou fixera aportacións fundamentais á arte da performance” que este ano será outorgado á coreógrafa, bailarina e Premio Nacional de Danza Mónica Valenciano que virá a Santiago “non só para recoller o premio senón tamén para compartir con nós a súa arte”.
Proposta multidisciplinar
Hoxe martes 14, comezarán as actividades formativas de Plataforma Festival cun taller de performance a cargo da artista Ana Gesto. O día 18 de maio os participantes realizarán unha mostra de resultados nas rúas do casco vello da cidade acompañados pola artista. A este taller súmanse outras propostas educativas como o taller para a cativada dirixido por Neves Seara que terá lugar no Parque de Bonaval o día 25 de maio.
Nesta edición a galega Neves Seara será a encargada de protagonizar a programación do día das Letras Galegas na Fundación DIDAC coa súa performance Perder os papeis. Palabra ferida. O Día dos Museos, 18 de maio, celebrarase no CGAC coa artista alemá Grace Schwindt en colaboración coa música e performer galega Macarena Montesinos que presentan en Plataforma Festival a peza Strings tomando a figura das mouras como punto de partida.
A coreógrafa, bailarina e Premio Nacional de Danza Mónica Valenciano actuará na sede de SGAE presentando o seu último traballo, El lugar de los pasos perdidos, unha obra entre a danza contemporánea e a performance que nos leva ao universo particular da artista nunha viaxe persoal e introspectiva. A cita será ás 20.00 horas.
As actuacións no CGAC continúan o día seguinte, domingo 19, coa estrea en Galicia de Blob de María Jerez. Nuria Vil pola súa banda, presenta unha nova peza performativa baixo o título Declaro deserto na sala da Fundación DIDAC.
A programación do 19 remata coa presentación do proxecto Fora de si das coreógrafas e bailarinas Nuria Sotelo e Luz Arcas na Igrexa da Universidade.
O venres 23 de maio a gran figura da danza contemporánea Juan Domínguez nos leva ata a Sala Agustín Magán de Santa Marta coa súa conferencia performativa no me tiene que interesar.
O sábado 25 será o día do cinema e a arte contemporánea coa presentación da película Carmen Troubles do artista portugués Vasco Araújo que afonda no mito de Carme en NUMAX sendo a súa estrea en España. Na mesma mañá terá lugar a inauguración da mostra ‘E agora para onde vou’ do artista Vasco Araújo comisariada por un dos directores do festival, Iñaki Martínez Antelo.
O festival pecha a noite do 25 de maio ás 22.00 horas na Sala Riquela coa actuación da DJ galega Russ.