Ordes, 9 de outubro do 2017 – A filóloga Iria Pedreira Sanjurjo encheu o auditorio do Museo do Traxe de Ordes na presentación de Caracteres, obra do autor clásico Teofastro.
Natural de Ordes, Iria Pedreira mostrouse agradecida e abraiada polo momento, e “pola boa acollida deste acto que se celebra en Ordes, o que para min é moi importante”, asegurou. Moisés Barcia (Rinoceronte Editora), Raúl Gómez Pato (director da colección Vétera) e Cristina Collazo, quen levou a cabo a lectura dramatizada de distintos fragmentos, foron outros dos asistentes.
Caracteres de Teofastro
Datada do século IV a.C., esta obra contén un breve pero intenso debuxo dos tipos morais, e unha valiosa descrición da vida do seu tempo. Caracteres está considerado o primeiro intento de catalogar os modelos tipo. Esta obra recibiu unha axuda da Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2017.