Bisbarra, 18 de decembro do 2023 – O concello de Frades avanza na constitución da Comunidade Enerxética “Frades Enerxía” que terá o seu centro no pavillón polideportivo de Ponte Carreira.
Frades Enerxía foi presentada á veciñanza o pasado mes de novembro. Conatrá cunha instalación de paneis fotovoltaicos no tellado do polideportivo que dará servizo tanto ao propio pavillón como ao CPI de Ponte Carreira, o local social, o centro sociocomunitario e mesmo á depuradora e á potabilizadora, se fose preciso.
O proxecto contempla ademais dar servizo a todas as vivendas e empresas emprazadas en 2 km á redonda do polideportivo, que poderían adherirse á comunidade enerxética. Unha distancia que inclúe todo o núcleo de Ponte Carreira.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “se trata dunha proposta social, que nace co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas de Frades e loitar contra a pobreza enerxética, por iso imos comezar no lugar onde hai maior consumo de instalacións municipais e onde se pode beneficiar a máis veciños e veciñas”.
Ademais, adianta que se a iniciativa ten o éxito que se agarda, “a segunda comunidade enerxética constituiríase na contorna do polideportivo de Abellá”. De feito, na análise de emprazamentos posibles para a posta en marcha deste tipo de iniciativas, o Concello de Frades atopou ata unha vintena de lugares aceptables, se ben optou por comezar por aquel onde hai maior consumo enerxético nestes momentos.
Fases
Nestes momentos, o Concello de Frades está na primeira das catro fases da posta en marcha desta comunidade enerxética, a de dar a coñecer a iniciativa e deseñar a folla de ruta, coa obtención dos certificados e recompilación da documentación técnica e legal para a súa posta en marcha.
A seguinte fase, que se acometerá a principios de 2024, será a da captación de persoas usuarias e constitución da comunidade enerxética, que daría paso ao análise das actuacións a realizar e o aforro que se conseguirá. Finalmente, na cuarta fase procederíase á redacción do proxecto técnico para a súa contratación e posta en marcha.
Que é unha Comunidade Enerxética?
Unha Comunidade Enerxética é un grupo de persoas, fogares, empresas ou institucións que se unen para xerar, consumir, xestionar e compartir enerxías renovables dunha maneira colaborativa e sostible. Esta enerxía xérase a partir de fontes limpas e sostibles, como paneis solares. Ao compartir a enerxía xerada, os participantes poden reducir as súas facturas de electricidade e diminuír a súa dependencia de fontes de enerxía non renovables.
“Frades enerxía” busca axudar ás familias a facer fronte á factura da luz, xa que pode chegar a producir aforros de ata o 30% da factura enerxética anual ao tempo que se axuda a conservación do medio ambiente.
Se ben nun primeiro momento será o Concello quen vai poñer a disposición da veciñanza a enerxía dispoñible a través dos paneis solares instalados no pavillón, outros particulares e empresas poderán no futuro sumar as súas instalacións de renovables á comunidade.
O Concello de Frades lidera esta iniciativa, na que conta co apoio das empresas Flinq e Permae Ser, e agarda poder contar coa participación activa da veciñanza na construción dun futuro máis brillante e limpo.
Un proxecto que conta cunha financiación de 15.000 euros procedentes do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Os veciños e veciñas que desexen máis información só teñen que contactar co Concello de Frades a través do teléfono 981 695 567 ou do mail correo@frades.gal.