займ срочно

Manoliño Nguema, dous mundos que se tocan

0

Compostela, 15 de decembro do 2017 – O veterano artista guineano formado no Circo dos Muchachos de Ourense Marcelo Ndong e dous dos seus alumnos máis destacados, Gorsy Edú e Raimundo Bernabé (Russo), estrean Manoliño Nguema, dous mundos que se tocan no Teatro Principal de Compostela.

A obra de teatro, da que só haberá unha representación, relata a incríble vida deste sexaxenario artista africano, un galego-guineano (como el mesmo se define) que deu varias veces a volta ao mundo co Circo dos Muchachos antes de volver ao seu país natal, a principios dos 90, onde acabou converténdose no indiscutible pai do teatro de Guinea Ecuatorial.

É unha oportunidade única de coñecer os lazos que unen a España co país africano e de participar na elaboración do documental homónimo, un alegato en favor da migración, unha mirada positiva ante o poder integrador e sanador da cultura. As entradas están dispoñibles por un donativo de 10 €  na billeteira do propio teatro (Rúa Nova, 9), no Pub Medusa (Rúa das Ánimas,1), e na librería Carballido da Coruña (Avenida da Concordia, 14).

A representación culminará dúas semanas de rodaxe en Galicia, na que os artistas percorreron escenarios claves na vida galega de Manoliño como o son as rúas de Santiago de Compostela, onde adoitaba actuar como mimo; a Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense), onde se formou nas artes circenses cando chegou a España; ou a Ribeira Sacra. A vida de Marcelo convértese, así, na columna vertebral dun proxecto documental, musical e teatral, abandeirado pola ONGD Waka Films e pola produtora Fílmika Galaika, que contan tamén coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).

Unha viaxe de ida e volta

No medio dun barrio de Malabo, a capital de Guinea Ecuatorial, tres negros cantan Catro vellos mariñeiros. O ritmo desta canción tradicional galega fúndese cunha percusión africana de raíces fang (unha das cinco etnias do país) e, con esta estampa inesperada, o trailer de presentación de Manoliño Nguema achéganos ao singular universo dun proxecto que comezou sendo un documental e que pouco a pouco se foi transformando nunha iniciativa moito máis ampla que aglutina teatro, música e formación nun alegato en favor da migración, unha mirada positiva ante o poder integrador e sanador da cultura.

“Guinea é o único país africano que fala español, come paella e escoita Camela” conta o director do documental, Antonio Grunfeld, despois de vivir no país africano durante case cinco anos. “Parecíanos incríble o rápido que España esqueceu a Guinea, malia que o país se independizou hai menos de 50 anos. Investigamos e vimos que ese esquecemento non foi casual: a Lei de Materia Reservada franquista censurou durante case dez anos toda a información que chegaba sobre Guinea. Por iso, cando coñecemos a fascinante historia de Marcelo Ndong, que dalgún xeito rescata estes lazos, non quixemos deixala escapar”.

Marcelo Ndong, alias Manoliño Nguema, é un galego-guineano (como el mesmo se define) nado cando Guinea Ecuatorial aínda formaba parte de España e formado grazas a unha bolsa de estudos no coñecido Circo dos Muchachos de Bemposta (Ourense), a primeira escola de circo de Europa, que nas décadas dos 70 e 80 se converteu no proxecto cultural máis internacional de España. Despois de dar a volta ao mundo co Circo dos Muchachos varias veces, Marcelo Ndong decidiu volver á súa terra natal a principios dos 90, para apoiar a reconstrución dun país que quedara devastado trala descolonización de España no 68 e a posterior ditadura de Macías. “Facía falta de todo, eu pensaba que o principal era a comida, así que montamos unha cooperativa agrícola”, conta o propio Marcelo. Pero a cabra tira ao monte, e en pouco tempo Marcelo xa cortara a yuca que medraba no cine abandonado dunha pequena cidade ecuatoguineana, Ebebiyin, para dar vida a un rudimentario teatro. Logo diso, trasladouse a Malabo e alí creou a primeira escola de circo do país, formou a centos de mozos, conseguiu bolsas para outros tantos e converteuse no indiscutible pai do teatro de Guinea Ecuatorial.

De Guinea…

Este sexaxenario artista africano rexenta agora unha pequena gardería en Malabo, onde recibe a inesperada visita dos cinco membros da ONGD coruñesa Waka Films -especializada en proxectos de comunicación para o desenvolvemento- que o pasado mes de xullo se desprazaron ata Guinea Ecuatorial para perseguir a historia de Marcelo Ndong. Catro anos despois de que a primeira idea vise a luz e logo de moitas idas e voltas, por fin estaban listos para comezar a gravación, aproveitando unha circunstancia única. Quico Cadaval pedíralle a Marcelo que, como en tantas outras ocasións, montara unha obra de teatro. Pero, desta vez, que o argumento fora a súa propia vida. Co apoio de dous dos seus mellores alumnos, Marcelo creará en Malabo unha obra de teatro que será representada en Santiago de Compostela. Unha viaxe persoal e creativa que os conducirá desde a Guinea postcolonial e a España franquista ata a actualidade de ambos os dous países, para ir pouco a pouco descubrindo a través do seu incríble periplo vital como mimo, músico, actor, circense, pero sobretodo migrante, os vivos e ata agora pouco coñecidos lazos culturais que unen Guinea Ecuatorial e España.

… ata Galicia

O equipo de Manoliño Nguema, de volta en Galicia despois de gravar a primeira parte do documental en Guinea Ecuatorial, busca agora financiamento colectivo para poder concluír o proxecto cun crowdfunding a través da plataforma Verkami.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies