займ срочно

A ensinanza en lingua galega aposta pola formación online

0

Compostela, 18 de febreiro do 2018 –  O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou en rolda de prensa o Plan de formación en lingua galega do seu departamento para o presente ano 2018.

A ensinanza de lingua galega chegará a máis de 7.000 persoas e incluirá formación Celga, formación en linguaxes administrativa e xurídica e formación no exterior.

Valentín García destacou “o esforzo da Secretaría por chegar a todos os galegos e galegas, ben mediante a celebración de cursos presenciais nas catro provincias, ben mediante a aposta pola teleformación, que este ano reforzamos con cursos en liña para o nivel Celga 4, que se suman aos xa existentes para o Celga 1 e para linguaxes xurídica e administrativa”. O secretario xeral indicou que “durante 2018 estaremos traballando para poder ofrecer o ano que vén cursos a distancia tamén no nivel Celga 3”. Valentín García estivo acompañado por María Lourdes Batán, subdirectora xeral de Política Lingüística, quen ofreceu detalles da oferta formativa presentada.

Aposta pola teleformación

O Plan de formación da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o ano 2018 inclúe 70 cursos preparatorios das probas Celga, organizados, ben directamente pola secretaría, ben coas escolas oficiais de idiomas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. A eles hai que sumar os que se organizan ao longo do ano en colaboración con concellos da Rede de Dinamización Lingüística. En total, haberá máis de 2.000 prazas a disposición da cidadanía, que poderá optar pola modalidade presencial, ou, no caso da preparación para os niveis Celga 1 e Celga 4, pola teleformación. Precisamente, esta é unha das novidades de 2018, pois por primeira vez é posible facer en liña cursos encamiñados a preparar este último nivel. A intención de Política Lingüística é seguir ampliando a oferta a distancia nos vindeiros anos.

A formación en lingua galega para adultos contempla tamén máis de 50 cursos de linguaxes administrativa e xurídica -29 deles en liña- que se celebrarán en colaboración coa EGAP, coas escolas oficiais de idiomas e, nalgúns casos, con outras institucións, como a Deputación da Coruña, os concellos ou o Colexio de Avogados de Santiago. Con eles, a secretaría xeral de Política Lingüística aspira a chegar a máis 1.300 traballadores e traballadoras das administracións públicas.

No ámbito universitario, os convenios entre a Consellería de Cultura e Educación e as tres institucións de educación superior de Galicia permitirán organizar este ano un total de 25 cursos dirixidos a estudantado (galego ou estranxeiro) ou persoal docente e investigador, o que incrementa en 750 prazas a oferta incluída no Plan de formación para 2018.

Formación no exterior

A dita oferta complétase coa formación en lingua galega ofrecida fóra da Comunidade Autónoma Galega. Esta inclúe o Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria, froito da colaboración entre as consellerías de educación das comunidades galega e castelá-leonesa. Tras a recente incorporación do CRA Cubillos del Sil, este programa chega a 19 centros educativos e máis de 1100 estudantes de infantil, primaria, secundaria e escola oficial de idiomas. A eles hai que sumar un número crecente de alumnos e alumnas de galego no IE Cañada Blanch de Londres, con 87 matriculados en 2018, ou os colexios Castelao de Caracas (con case 400 estudantes de galego) e Santiago Apóstol de Bos Aires (500 alumnos e alumnas).

O ensino do galego no exterior está presente tamén nas universidades a través de 35 centros de estudos galegos que lle imparten docencia desta lingua a máis de 900 estudantes de Europa e América. O Plan de formación para 2018 prevé a creación doutros 4 máis en universidades de Bos Aires, A Habana, Cracovia e Edimburgo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies