Tordoia, 14 de xullo do 2017 – A tempada de visitas guiadas ao Dolmen de Cabaleiros prolongarase do 30 de xullo até o vindeiro 25 de setembro, en xornadas de 10:00 a 19:00 horas fins de semana e festivos. Así se contempla no convenio que asinaron o deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto e o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares.
A Deputación da Coruña, a través da súa área de Patrimonio, volve confiar no Concello de Tordoia a atención de visitantes do Dolmen de Cabaleiros e, neste sentido, o responsábel da área vén de asinar o convenio polo que achega unha cantidade de 2.280 € para a prestación do servizo a través da xestión municipal.
O convenio establece tamén que o servizo do Dolmen de Cabaleiros se prolongará do 30 de xullo ao 25 de setembro e estará operativo de 10:00 a 19:00 horas ofrecendo atención a visitantes e os servizos que demanden. O acordo inclúe tamén accións de divulgación, comunicación e promoción destinadas a dar a coñecer o monumento do que é titular a Deputación da Coruña.
O deputado Xesús Soto sinala que “Como no caso doutros bens patrimoniais que son titularidade da Deputación, optamos pola transferencia de xestión aos Concellos como a máis acaída. Desta maneira, confiamos nas institucións locais o papel de atender e poñer en valor o patrimonio, entre outras cousas, dándoo a coñecer á propia veciñanza”.
Co acordo, Deputación e Concello marcan como obxectivo dar uso turístico ao monumento, impulsar o uso educativo e didáctico do Dolmen e implicar á poboación local na posta en valor da construción megalítica e conectala coa veciñanza e a historia da contorna.
A Deputación aprobou no mes de abril o financiamento da mellora da sinalización do megálito de Tordoia, entre outros bens do patrimonio provincial, coa instalación de paneis indicativos sobre pedra, para procurar o mínimo ruído arredor do enclave do monumento. Ademais, outras iniciativas como a futura habilitación dos terreos contiguos para aparcamento e a relocalización da caseta de atención turística contribuirán á mellora do entorno e facilitarán as visitas ao monumento megalítico.
O dolmen, de máis de seis mil anos de antigüidade, pasou a formar parte do patrimonio da Deputación da Coruña nos anos setenta. É protagonista de lendas como a da Casa da Moura e é un dos referentes patrimoniais da comarca.