Bisbarra, 19 de xullo do 2023 – A Mancomunidade de Ordes ven de presentar a programación de Terra Activa que ten como obxectivo a difusión da comarca.
Terra Activa realízase en colaboración coa Deputación da Coruña. Incluirá catro eventos que se desenvolverán nos concellos de Tordoia, Trazo, Cerceda e Mesía. A Mancomunidade prepara ademais un novo proxecto que atinxirá aos tres concellos restantes: Ordes, Oroso e Frades.
A programación dará comezo este sábado, 22 de xullo, coa xornada ‘Tordoia Activa’, unha festa campestre na piscina municipal que incluirá atraccións e festa de espuma para os máis cativos e sesión vermú e verbena, ademais de servizo de polbeira.
Unha semana máis tarde, Trazo será escenario para ‘A Convidada’ e Cerceda fará o propio coa xa tradicional festa do ‘Cochiño’. Pechará a programación o evento ‘Mesía Activa’, programado para o 9 de setembro.
A presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García, sinala a súa ledicia “pola materialización dun proxecto no que vimos traballando desde hai tempo e que de seguro permitirá unha promoción máis óptima de todo o potencial turístico que teñen estes catro municipios que integran o proxecto”.
Do mesmo xeito, tamén agradeceu “a colaboración da Deputación para que poidamos contar con programas tan atractivos como Terra Activa”, sinalou a presidenta.