Bisbarra, 20 de febreiro do 2023 – A Vía Verde Compostela Tambre Lengüelle é unha realidade que presentaba hai unha semana o, polo momento, último tramo pero que ten un futuro aínda máis amplo.
Unha realidade que se pode pisar e desfrutar xa desde Oroso a Cerceda e que chegará en pouco tempo a Santiago. Máis no futuro a Vía verde ten posibilidades de crecer xa que concellos como Culleredo ou Laracha xa se interesaron polo proxecto. Un interese que fai soñar cun percorrido que una Compostela e Coruña.
As Vías Verdes
En España, existen máis de 3.300 quilómetros de infraestruturas ferroviarias en desuso que foron reconvertidas en itinerarios cicloturistas e sendeiristas no marco do Programa Vías Verdes, coordinado pola Fundación dos Ferrocarrís Españois.
A Compostela Tambre Lengüelle é a primeira da provincia da Coruña e a máis longa de Galicia con 26 quilómetros. En Lugo está a do Eo con 12 quilómetros e en Pontevedra a do Salnés con 9,2.
O proceso comeza solicitando o uso dos terreos e infraestruturas. A continuación elaborase un proxecto que é validado pola Fundación de Ferrocarriles e, no caso da que nos ocupa, a execución é cedida á Deputación da Coruña para manter unha uniformidade en todos os tramos.
Unha Vía Verde longamente esperada
Hai que mencionar ao ex alcalde de Oroso e senador Manuel Mirás. Desde que chegou a alcaldía a Vía Verde foi unha teima no seu discurso e un proxecto ao que nunca renunciou. No ano 2017, en declaracións á Cadena SER, falaba xa dun proxecto moi avanzado
En xuño de ese ano os alcaldes de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo, de Santiago, Martiño Noriega, de Cerceda, José García Liñares, o de Tordoia, Antonio Pereiro, e o propio Manuel Mirás firmaron o protocolo de colaboración para a construción da segunda Vía Verde de Galicia.
Un proxecto de todas as administracións
Na presentación que tiña lugar hai una semana en Compostela quedaba patente a implicación de todas as administracións. Empezando polo local están os concellos, que xa formaron unha asociación da que é presidente Antonio Leira quen falaba no acto da riqueza do proxecto
A continuación está a Deputación da Coruña. Un ente que se implicou desde o primeiro momento e que unificou criterios. O Vicepresidente, Xosé Regueira, explicaba os proxectos de sostenibilidade turística nos que traballo o ente provincial e entre os que destaca a Vía Verde.
O Presidente da Deputación, Valentín González, falaba da xenerosidade que leva implícita o proxecto, especialmente de Compostela que tivo que esperar ata o de agora para poder acometer o seu tramo
O Estado aportou recursos económicos grazas a xestión dos fondos europeos. O Delegado do Goberno, José Miñones, destaca a realidade da axuda na que ninguén cría cando foi solicitada en Europa.
O alcalde Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou pola súa banda que cando era neno Santiago tiña ata seis estacións de tren e que sendo fillo de ferroviario este proxecto era dobremente ilusionante
O certo é que o futuro é prometedor. Máis alá de chegar a Coruña, os concellos polos que xa pasa a Vía Verde non descartan nada xa que os tramos en desuso chegan ata Padrón, dentro da provincia. Por outra banda supón un itinerario complementario ao Camiño Inglés, un dos máis activos nos últimos tempos.
A Vía Verde demostra que hai un futuro de riqueza e desenvolvemento asociado á sostenibilidade, algo que beneficia a toda a veciñanza.