Bisbarra, 11 de abril do 2024 – O alcalde de Dodro, Xabier Castro, mantivo unha reunión coa xerente da área sanitaria Compostela Barbanza, Eloina Núñez, para estudar a situación de centro de saúde.
O centro de saúde de Dodro sofre, desde hai meses, a falta dun dos dous médicos titulares a xornada completa. Esta baixa provocou deficiencias no servizo que acumulou retrasos. Unha situación que mesmo levou a veciños e corporación a concentrarse diante do consultorio o pasado mes de decembro para reclamar solucións.
Na actualidade un novo médico dedica un sesenta por cento do seu horario a cubrir a baixa en Dodro ata que se incorpore un novo titular. Xabier Castro pediulle á xerencia de área que se resolva a situación o antes posible.
Eloina Núñez confirmou que están traballando na procura dunha mellor solución pero que a falta de profesionais en medicina familiar e comunitaria é un problema real que afecta a todo o estado polo que atopar un novo titular non é doado.
O SERGAS comprometeuse a manter, ata atopar unha solución definitiva, o facultativo parcial que cubre a baixa na actualidade e mesmo aumentar as horas que dedica se en algún momento fora posible.