Bisbarra, 6 de setembro do 2022 – O concello de Dodro organiza este mércores, día 7, unha Mesa do Monte no salón de plenos da casa consistorial.
O obxectivo é reunir distintas sensibilidades, organismos, e tamén distintos intereses na procura de un mellor aproveitamento do monte galego. Búscase atopar as mellores solucións para o monte do Concello de Dodro, e por extensión para o monte galego.

Actuarán de moderadores da mesa, o alcalde do Concello de Dodro, Xabier Castro Tourís, e o Enxeñeiro de Montes Saúl De la Peña Lastra. Teñen comprometida a súa asistencia Daniel Rodríguez Cebreiro, responsable económico da Asociación Forestal de Galicia; Os presidentes das dúas comunidades de Montes Veciñais en Man Común do Concello de Dodro a da Cruz do Avelán, e a da comunidade Balouta e Fontecova; o Sr. José Ramón Janeiro Gil.
Tamén participaran representante do Instituto Galego das Terras Comunitarias e pola Xunta de Galicia Jose Manuel Santos Maneiro, Xefe Territorial da Coruña e Santiago Barros Maneiro, Xefe Provincial do Servizo de Montes da Coruña.
Por outra banda foron invitados representantes de distintas empresas do sector forestal, madeireiras, ou de xestión dos montes, e outras que representas novas oportunidades de aproveitamento como son produtos secundarios, resina: Sinerxias Sostenibles Resiforest S.L; outras COMUNIDADES MVMC onde xa se aplican outras alternativas exemplares (gandeiría, mel, etc), coma a de Baroña no concello veciño do Porto do Son.