Bisbarra, 22 de setembro do 2023 – Un bando da alcaldía de Dodro informa da anulación das notificacións, enviadas ata o momento, relacionadas coas franxas de protección contra incendios.

O concello de Dodro están procedendo a revisar as inspeccións realizadas por SEAGA nas franxas secundarias incluídas no plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. O obxectivo das inspeccións era determinar a limpeza das fincas ademais de saber si existían especies arbóreas prohibidas como piñeiros, eucaliptos ou acacias.
Estas inspeccións realizáronse dentro do convenio de colaboración subscrito entre o concello, a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Xunta de Galicia e a empresa SEAGA. Os traballos deron uns resultados que supuxeron o envío de notificacións que poderían implicar multas e execucións subsidiarias.
O concello comprobou que unha parte moi importante das inspeccións non son correctas ou conteñen erros materiais moi importantes. Por este motivo o consistorio decidiu revisar todos os informes de inspección enviados por SEAGA e mentres que non determine cales son correctos quedan sen efecto todas as notificacións recibidas pola veciñanza en relación con este asunto.