Compostela, 18 de marzo do 2024 – O Festival Atlántica, NOGA e Sete Falares celebran desde hoxe o Día Internacional da Narración Oral con espectáculos solidarios e un manifesto de Paula Carballeira.
O Día Internacional da Narración Oral celébrase o 20 de marzo e arredor de esa data o Festival Atlántica o festival Sete Falares de Pontevedra e o Colectivo Narración Oral Galega (NOGA) xuntan esforzos para situar no mapa dos manifestos e reivindicacións a lingua do país e ás historias que nos identifican
Coincidindo co 20 de marzo as tres entidades están a preparar unha axenda ateigada de propostas contratadas por diferentes concellos en bibliotecas, teatros, auditorios e tamén sesións solidarias en hospitais e residencias da terceira idade.
A autoría do manifesto desta cuarta edición do Día da Narración en Galicia é de Paula Carballeira, recoñecida escritora, actriz, dramaturga e unha das pioneiras da narración oral do país. No seu texto, que podedes ler completo máis abaixo, convida a todos a contar e contarse, poñendo o foco na importancia de dar luz ás voces silenciadas, agochadas, perdidas. Un convite a ser parte da historia, a ser inmortal… “se queres”.
A Arte máis antiga do mundo
A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións nas que NOGA insta a ser valorada e recoñecida coma unha arte rica creativa e sólida con capacidade de adaptación a espazos moi diferentes.
No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz e celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.
Programación na bisbarra
19 de marzo
Sole Felloza. “Bolboretas”. IES Terras de Xallas (Santa Comba)
20 de marzo
Soledad Felloza. 17.30 h. Aula de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS)
Vero Rilo. “Animalario”, Dodro
21 de marzo
Pavís Pavós. Este Queixo Queixolán. Espazo Apego Santiago de Compostela
22 de marzo
Raquel Queizás. “Pai, chimpo de ra” Tordoia
MANIFESTO NO DÍA INTERNACIONAL DA NARRACIÓN ORAL 2024
SE QUERES…
Se queres ser inmortal, cóntame un conto.
Non o escribas, que o papel pode mollarse, queimarse, estragarse, que os ordenadores ás veces se apagan sen gardar os documentos e as nubes pérdense nos ceos virtuais levadas por algún vento. Ou escríbeo tamén, tanto ten, pero non me deixes sen a túa voz, sen a túa mirada, sen os teus xestos.
Se queres que te garde na memoria, e que fale de ti para que te lembren, terás que regalarme unha historia, unha boa historia, desas que parece que murmuran na orella xusto o que precisamos para sorrir, coller folgos e asentarnos no mundo ou cambialo.
Se queres espertar do letargo das palabras que perderon o sentido, dos lugares comúns e da falta de interese, busca un conto que ofrecerme. Na procura, atoparás sorpresas, camiños e posibilidades ocultas. Seino. Sempre acontece.
Se queres que o aburrimento mude de roupa, aprende a narrar o que che pasa pola cabeza, o que che preocupa, o que sentes, o que temes, o que soñas. Non é doado, pero tampouco tan complicado. Pensa que non precisas electricidade, nin petróleo, nin combustibles fósiles nin outras enerxías renovables agás o teu alento, e que paga a pena darlles matices aos grises das tardes de inverno.
Se queres gañarlle a partida ao tempo, obrigalo a deterse e prestarche atención, sacalo do cárcere dos reloxos, xogar con el ás escondidas mentres nace un conto diante dos meus ollos, xa sabes, ti es esa persoa extraordinaria. Ti, nada máis e nada menos. Non hai ninguén mellor, porque estás ao meu carón, neste momento.
Se queres contar a vida para que non se esqueza, amosarme o que aínda non coñezo e demostrarme que todo o que se imaxina acontece cando nos detemos sen facer caso do que nos empuxa a seguir o ritmo vertixinoso no que nos movemos, fai o favor, cóntame algo, algo que mereza ser contado, algo importante que escolleses para min, real e á vez inventado.
Se queres, só se queres, eu farei o mesmo.
Paula Carballeira