Arzúa, 12 de xullo do 2017 – O deputado da área de cooperación cos concellos, Xosé Regueira Varela e o alcalde de Arzúa, Xosé Lois García, asinaron o convenio a través do que se financiarán as obras de reparación da gradaría do campo de fútbol e as dúas pistas de tenis.
A Deputación da Coruña financiará o orzamento das obras con 24.000 €, o que supón o 80 % do total do orzamento da obra que ascende a 30.000.
Co proxecto subsanaranse as filtracións existentes nas gradas do campo de fútbol do Viso. As filtracións prodúcense na banda central que separa as dúas cubertas do graderío e está a producir deterioro no interior, na zona da cafetería e mesmo no propio muro de fachada.
A través do convenio acometerase tamén a reparación da superficie de xogo das pistas de tenis que contan con defectos importantes do formigón poroso.