Bisbarra, 27 de outubro do 2023 – A Deputación da Coruña segue coas melloras na seguridade da estrada Negreira Pontenafonso e busca alternativas á ponte de Barbazán.

A ponte de Barbazán é un dos puntos máis complexos xa que o estreitamento da calzada obriga a buscar alternativas para a súa ampliación. Con este obxectivo visitaron o lugar a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, acompañada do alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis; de persoal técnico e do equipo redactor do proxecto.
Mónica Rodríguez lembrou que a Deputación executou nos últimos anos un investimento de máis de 2,5 millóns de euros para a ampliación e mellora da estrada nos seus primeiros oito quilómetros e pretende agora “completar o traballo eliminado o estreito paso da ponte sobre o río Corzán para que o vial teña neste tramo as mesmas características de anchura e seguridade que no resto”.
“Estamos valorando a mellor opción posible desde o punto de vista técnico e económico co equipo redactor do proxecto. O noso obxectivo é completar a actuación cunha mellora integral da seguridade ao longo de todo o vial, para o que é preciso construir unha nova ponte”, afirmou a deputada.