Bisbarra, 2 de maio do 2024 – O alcalde de Rois, Ramón Tojo, visitou as obras da depuradora de Urdilde que estará rematada no verán e recibiu un investimento de máis de oitocentos mil euros.
O peche perimetral de pedra da nova depuradora de Rois está acabado e comezouse co recheo da zona e o acondicionamento no terreo exterior ao muro. O xefe de obra da empresa adxudicataria, Ignacio Rivas, e Santiago Tirado (da asistencia técnica de Augas de Galicia) explicáronlle a Ramón Tojo e a tenente de alcalde, Mercedes Basante, o estado actual dos traballos e as actuacións que se acometerán durante as vindeiras semanas.
Rematado o recheo interior do recinto, colocaranse os biodiscos, os depósitos de PRFV e o resto de instalacións, para deixar rematada a obra no verán tal e como estaba previsto. A nova depuradora de augas residuais de Urdilde dará servizo ao núcleo da Calle, contribuíndo ao coidado medio ambiental da zona.
A EDAR está preparada para conectar toda a parroquia á rede de saneamento. Ademais da propia EDAR, as obras proxectadas contemplan tamén a construción de 519 metros de colector dende a actual depuradora ata a arqueta de entrada das novas instalacións e o acondicionamento do acceso ás mesmas.
Estas actuacións son froito dun convenio entre o concello de Rois e a Xunta de Galicia no que o goberno autonómico achega o 80% do investimento e encárgase da execución das obras; e o Concello financia o 20% restante e asume as xestións para posibilitar os traballos, a recepción, mantemento e conservación da infraestrutura hidráulica unha vez rematada.
As obras contan coa financiación da Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.