Trazo 25 de novembro do 2017 – O Bloque Nacionalista Galego de Trazo ven de denunciar a pasividade do goberno local, do Partido Popular, ante os reiterados cortes de luz no concello.
A finais de setembro o BNG levou a pleno unha moción na que se pedía que o Concello instara ás empresas eléctricas a arranxar de xeito urxente os continuos cortes de luz e a tomar medidas legais se non se solucionaban os problemas antes de rematar o presente ano.
O BNG acusa ao Partido Popular de estar máis interesado nas compañía eléctricas que nos veciños como o demostra “o seu voto contrario a moción”. Martín Rei, portavoz municipal do BNG, manifesta que “no BNG seguiremos traballando para que os problemas se solucionen a pesar de que o PP prefira que nos quedemos sen luz antes que darlle un tirón de orellas a Fenosa”.
Os nacionalistas amosan a preocupación polo estado das liñas eléctricas en Trazo, xa que esta semana producíronse algúns cortes e falta de potencia en diversas parroquias do concello, o que supoñen que se debe ao pequeno temporal do mércores. O BNG explica que si chegan algunhas frontes fortes durante o inverno, o cal en Galiza sería a climatoloxía normal, volvan a quedar varios días sen subministro e todo por falta de previsión.