Ordes, 23 de xullo do 2017 – Debido ao alto interese e valoración amosados polas persoas asistentes á charla sobre cooperativismo téxtil esta terá continuidade en Ordes o próximo 9 de agosto.

Novamente o lugar e a hora de celebración serán os mesmos, os baixos da alameda ordense ás 18 horas. Para esta ocasión contarase coa participación dun representante do empresariado do sector, o cal analizará as demandas reais que a día de hoxe formulan os provedores.
No encontro desenvolvido ao longo de dúas horas, abordáronse distintos aspectos relacionados co mercado do téxtil, e máis concretamente de como afrontalo baixo a fórmula cooperativista. A análise das posibles ameazas á hora de establecerse como cooperativa; a situación actual do sector a nivel nacional, autonómico e local; ideas con futuro como son o auxe da moda infantil ou as necesidades dunha sociedade cada vez máis envellecida; o uso e as posibilidades que supón a confección con tecidos innovadores e os chamados intelixentes ou a roupa de segunda man foron algúns dos puntos que se trataron.
Representantes da Oficina de Cooperativismo da Mancomunidade de Ordes, entidade organizadora desta cita conxuntamente con Eusumo, cooperativismo e economía social e a Xunta de Galicia, seguiron atentamente a charla co fin de asesorar e dar resposta ás necesidades das ex-traballadoras de empresas de confección da comarca. Precisamente o obxectivo máis inmediato deste tipo de iniciativas é o de poder ofrecer unha saída laboral a aquelas persoas que queiran constituírse baixo o réxime cooperativista.