Bisbarra, 19 de xaneiro do 2024 – O concello de Arzúa prepara xa o Entroido con dous concursos, o tradicional de disfraces e a estrea doutro de elaboración de mecos.
Toda persoa ou colectivo pode facer o seu meco e enviar unha foto do mesmo ao correo cultura@concellodearzua.com antes do 8 de febreiro ás 14:00h. O meco deberá estar colocado nun lugar visible (balcón, galería, establecemento comercial, centro educativo…).
Haberá un prazo de votación popular no que para votar o meco favorito farase cun “gústame” na paxina de Facebook e Instagram do Departamento de Cultura do 9 ao 15 de febreiro. O día 16 de febreiro publicaranse os gañadores que se farán con tres premios dotados de 300, 120 e 80 euros para os tres máis votados.
Disfraces
Un ano máis Arzúa convoca tamén o tradicional concurso de disfraces para o domingo 4 de febreiro ás 17:00 horas no Multiusos Terra do Queixo con máis de dous mil euros en premios para repartir entre catro categorías.
Despois do éxito do ano pasado no que se achegaron a Arzúa máis de 350 participantes de distintos puntos de Galicia, sendo cifra récord de participación, este ano mantense a distribución das diferentes categorías e o formato no que se levou a cabo o concurso en anos anteriores.
Poderanse presentar, polo tanto, comparsas dun mínimo de nove compoñentes optando a premios de 550, 300 e 150 euros. Haberá un apartado de grupos de entre dúas e oito persoas con tres premios que ascenden a 300, 200 e 120 euros. Por último, establécense dúas categorías individuais, unha infantil de 0 a 17 anos e outra para adultos de 18 anos en diante. Os premios son de 120 e 80 euros para os primeiros e segundos postos, respectivamente de cada modalidade.
Co fin de fomentar a participación local, mantense tamén o premio Simpatía dotado de 100 euros dirixido a unha comparsa ou grupo do municipio que non acadara ningún dos premios anteriores e que sume a maior puntuación no apartado simpatía da valoración do xurado.
O concurso celebrarase de novo co público sentado e cos participantes facendo a súa intervención sobre escenario nunha gala que estará presentada polo humorista arzuán Xan Veiga.
Para participar no concurso hai que inscribirse previamente no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa ou chamando ao 981500222 ata o 1 de febreiro, en horario de 8:30 a 14:00h.