Bisbarra, 18 de setembro do 2023 – O equipo de Goberno da popular Lucía Calvo ven de facer pública unha auditoría sobre o estado do concello de Teo que fixo responder ao antigo alcalde, Rafa Sisto.

A auditoría, explican desde o novo equipo de goberno, revela “gravísimas irregularidades na xestión do Goberno anterior, que demostran que ese Executivo tivo nulo respecto pola legalidade vixente en moitos casos, o que supuxo ademais un grave prexuízo para as arcas públicas do consistorio”.
Esta publicación provocou a reacción do antigo alcalde que nunha nota na web do partido di que “Prometérame a min mesmo morderme a lingua e respectar os primeiros 100 días de traballo [} pero a noxenta nota de prensa do Partido Popular na que se acusa ao anterior goberno de “gravísimas irregularidades” fai que non poidamos permanecer impasibles”.
Dous últimos anos
O informe unicamente analiza o sucedido nos anos 2022 e 2023. Explica que o anterior equipo de goberno tramitou 1.281 facturas por importe de máis de 1 millón de euros, sen elaborar a proposta de gasto, nin facer tampouco a retención de crédito, como esixe expresamente a Lei. A resposta de Sisto a esta cuestión é que “unha retención de crédito é un procedemento administrativo interno que ten, como única finalidade, garantir que cando chegue a factura ao Concello vai haber cartos para pagala. Pois ben, durante os oito anos que fun alcalde ningunha factura quedou sen pagar, ningunha!”.
Outra das cuestións que trata a auditoría e a dos “15 contratos en situación de precariedade ou que, excedendo as contías tope para contratos menores (15.000 euros), non foron licitados, excederon o límite temporal máximo, carecen de expediente de contratación ou foron fraccionados, burlando ese máximo legal”.
Cuestións ás que tamén responde o anterior alcalde explicando que os servizos non se deixaron de prestar e que un problema relacionado coa saturación de traballo na que se atopan os servizos administrativos do concello. Sobre o exceso no límite económico, Sisto lembra que ese límite é só para os contrato de subministro e non para as obras.
Mañá martes publicaremos unha entrevista con Lucía Calvo, realizada antes da publicación de esta auditoría, na que tratamos temas como o futuro da canteira da Casalonga, o transporte e o futuro do TeoBUS, ou a construción da autovía á Estrada.
Pagos indebidos e contratacións irregulares de persoal
Pero é no pago de horas extras e no que o enfrontamento é máis forte. Sisto chega a dicir “Pero aínda hai que ter menos vergonza e moi pouca dignidade, para criticar os logros sociais dos traballadores e traballadoras subrogadas do Concello. Criticar que se lles pague a antigüidade ou que se equiparen os seus dereitos na acción social é de desvergoñadas (á parte de ser un ataque directo a toda a lexislación europea que defende esa igualdade).
O equipo de goberno de Lucía Calvo, na auditoría presentada, destaca que “chama a atención a equiparación da antigüidade (trienios) e o acceso ao Fondo de Acción Social indebidos aos 57 traballadores subrogados polo Concello, vulnerando os principios de igualdade, mérito e capacidade, ao non haber superado eses empregados os procesos selectivos que si tiveron que facer o persoal laboral fixo e os funcionarios.
Entrevista con Lucía Calvo
O informe de auditoría, e as respostas, continúan con temas como o abono de horas extras; a situación económica, con máis de tres millóns de euros de débeda; ou a caixa do concello na que hai, segundo Sisto, un millón de euros e un remanente de tesourería a cero, segundo Lucía Calvo.
Mañá martes publicaremos unha entrevista con Lucía Calvo, realizada antes da publicación de esta auditoría, na que tratamos temas como o futuro da canteira da Casalonga, o transporte e o futuro do TeoBUS, ou a construción da autovía á Estrada.