займ срочно

A Universidade aproba os orzamentos para o 2020

0

Compostela, 23 de decembro do 2019 – O Consello de Goberno da Universidade aprobou os orzamentos de cara ao ano 2020 cun ambicioso plan de infraestruturas que calcula aforrar un millón de euros por ano.

Os orzamentos da USC están dotados con máis de 254 millóns de euros. Xunto a esta aprobación ratificouse tamén un plan de infraestruturas que se centra na redución de superficie construída en 25.000 metros cadrados co conseguinte aforro.

O reitor Antonio López sinalou na súa comparecencia ante os medios de comunicación que este é un “ambicioso plan a medio e longo prazo” que baseados en principios de rigor, control e axuste.

O reitor subliñou que a pesar de que a cantidade orzamentaria pode semellar elevada, a meirande parte do gasto xa está comprometido na amortización da débeda, nas retribucións dos incrementos para o persoal ou en investigación, “o cal nos deixa unha escasa marxe de manobra”. Por iso, López aproveitou a ocasión para reclamar a necesidade de acometer negociacións co goberno autonómico e acadar un novo sistema de financiamento para o Sistema Universitario Galego que “reforce a autonomía universitaria” e que se chegue ao 1% do PIB.

Novo edificio e rehabilitación de espazos emblemáticos

O plan de infraestruturas aprobado contempla, entre as súas actuacións máis urxentes, a definición na parcela actualmente ocupada pola Facultade de Farmacia dun no espazo de concepción modular destinado a distintas titulacións de Ciencias da Saúde. Ademais, grazas á súa natureza modular, este proxecto acubillaría tamén espazos afíns ás titulacións ademais de espazos específicos de investigación.

A rehabilitación integral do edificio de San Francisco no que se sitúa a actual Facultade de Medicina, así como a rehabilitación doutros edificios históricos como os das facultades de Xeografía e Historia, Química, ou os propios Colexios de San Xerome e Fonseca, os cales serán sometidos a un “lavado de cara” de cara á celebración do vindeiro Xacobeo; a ampliación de Ciencias da Educación no Campus Vida, obra que permitirá unificar a actividade da Facultade nun único espazo físico; ou o traslado da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo para o campus universitario, completan o texto aprobado este venres. O documento tamén contempla a renovación e adaptación de espazos para unidades específicas de xestión para cada centro, así como o achegamento ao campus universitario de certos servizos para facelos máis accesibles para o alumnado; ou realizar accións para fomentar a optimización enerxética de centros e residencias.

O reitor puxo de manifesto que esta é a folla de ruta da Universidade para os vindeiros anos pero que agora toca tamén poñer o foco na procura de financiamento. Neste senso, López subliñou a súa vontade de iniciar un proceso de negociación coas administracións estatais, autonómicas, provinciais e locais, así como co Consorcio de Santiago para facelos partícipes deste “plan de necesidades”. “Sabemos cara onde queremos ir e agora toca cuantificar as necesidades e levar a cabo as negociacións”, apuntou. Asemade, o reitor quixo salientar a vía de diálogo aberta co Concello de Santiago de Compostela coa intención de humanizar o Campus Vida en cuestións relativas á mobilidade, iluminación, seguridade, ou xestión de zonas verdes.

RPT de PDI

A modificación da Relación de Postos de Traballo de PDI aprobada en Consello ofrece “unha imaxe veraz e actualizada dos postos de traballo efectivamente Existentes” harmonizada coa contida na relación de prazas de PDI que se anexa aos orzamentos da Universidade. Con este fin, a proposta implica a supresión na relación de postos daquelas prazas que quedaron vacantes como consecuencia de distintas situacións do profesorado que as ocupaba e que, por distintos motivos, non foran suprimidas no seu día, aínda que non contasen xa con dotación orzamentaria.

Regulamentos

O Regulamento de Planificación Académica da USC foi outro dos asuntos abordados na xuntanza. Tradicionalmente, esta planificación aprobábase anualmente, para cada curso académico, polo que este novo regulamento, deseñado con vocación de permanencia, permitirá dotar os procesos abranguidos dun marco de estabilidade necesario, tanto para a organización da actividades docentes por parte de Centros e Departamentos como para a planificación das actuacións en materia de recursos humanos. O documento acompáñase do correspondente calendario adaptado ao curso 20/21.

Outro regulamento aprobado nesta xuntanza foi o de concesión dos premios extraordinario de Grao e Mestrado unificando e actualizando as dúas normas existentes. O documento recolle igualmente a posibilidade de que a estes premios poida concorrer igualmente o alumnado que realizou os seus estudos a tempo parcial.

Ad honorem

O Consello aprobou a nomeamento como profesorado ou persoal investigador ad honorem de Antonio Rial Sánchez, Gonzalo Álvarez Jurado, Javier D`Ors Lois, Luís Mª Hervella Torrón, Elena Rivas Muiño, Modesto Rodríguez Neira, José L. Rodríguez Otero, Purificación Varela Patiño, Mª Isabel Fernández García e Carlos Rosales López.

Outros asuntos

Ademais da aprobación das memorias definitivas dos graos en Bioquímica e Empresa e Tecnoloxía, outras cuestións abordadas foron os criterios de adscrición para a oferta de 19 prazas da convocatoria do programa Ramón y Cajal 2019, a convocatoria e comisións de selección de prazas de profesorado con vinculación permanente ou os regulamentos de TFG de Enxeñaría de Procesos Químicos e de Nutrición Humana e Dietética e TFM de Enxeñaría de Procesado de Alimentos e en Nutrición. Asuntos económicos e diversos convenios completaron a orde do día.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies