Compostela, 8 de stembro do 2022 – Compostela é unha cidade que garda moitos lugares pouco coñecidos ou pouco visitados, a Semana do Patrimonio Invisible é unha oportunidade única de achegarse a algúns deles.

Do 12 ao 17 de setembro o concello organiza 50 visitas, cun total de 638 prazas, para coñecer dez espazos pouco visitados da cidade. A programación inclúe dúas visitas sorpresa no serán do día 16 e na noite do 17.
Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, e César Abella, director de Trivium, foron os encargados de presentar a Semana do Patrimonio Invisible. Unha cita que culmina o sábado 17 coincidindo coa noite do Patrimonio que organizan conxuntamente as cidades Patrimonio da Humanidade.

O Convento de San Francisco, a capela e o cemiterio da Confraría do Rosario en San Domingos de Bonaval e o Arquivo Histórico Universitario son algunhas das novas incorporacións ao programa da Semana. Xunto a elas, en resposta á gran demanda que determinados espazos tiveron nas pasadas edicións, visitarase a Tribuna da Catedral, a Fundación Laboral de la Construcción, a Facultade de Xeografía e Historia, o Colexio de Fonseca e, na tarde do mércores 14 de setembro, os mananciais composteláns de Ponte Mantible e Fonte Branca.
As visitas, cunha duración aproximada dunha hora, estarán integradas por grupos de 15 persoas, agás no caso dos mananciais, onde a peculiaridade do espazo reduce os grupos de acceso a 6 persoas, que comezarán o seu percorrido arredor da arquitectura da auga en Compostela en quendas que sairán cada 15 minutos.
A apertura das inscricións terá lugar este venres, día 9 de setembro, ás 17 horas a través do apartado de reservas da web patrimonioinvisible.gal.

Outros eventos
Ademais das visitas guiadas, o programa complétase con dúas propostas musicais e escénicas:
– Concerto do Coro Capela Antiga arredor de cantorais de Polifonía da Catedral o martes 13, ás 20.30 h, en Santo Agostiño
– Celebración da Noite do Patrimonio organizada, como cada ano, de forma conxunta co Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Será o sábado 17 cun percorrido nocturno pola Compostela máis oculta e o espectáculo de danza ‘Los perros’ de Led Silhouette e Marcos Morau na Igrexa da Universidade.
Ambos concertos serán de balde previa retirada de convites en compostelacultura.gal.