Compostela, 2 de decembro do 2020 – O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo unha xuntanza cos comerciantes da cidade para preparar a primeira convocatoria de axudas.
No encontro participaron representantes de Compostela Monumental, Fundación Santiago Centro, Em-Rede e Comercio Punto Compostela. Estas axudas, que chegarán a un total de 600.000 euros, teñen como obxectivo a financiar o gasto corrente dos negocios que se acollan a ela.
Baixadas dun 20% de facturación
Os negocios que acrediten unha baixada de vendas igual o superior ao 20% poderán acceder a axudas que irán dos 1.000 aos 3.000 euros e que se entregarán por orde de entrada da solicitude no rexistro.
A baixada de vendas tense que producir entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de este ano. Para axilizar o trámite será suficiente, no primeiro momento, con presentar unha declaración responsable que posteriormente será comprobada polo concello. A data de apertura do proceso está por definir pero o peche será o 15 de decembro.
Segundo indicou o alcalde, tratábase de habilitar “a solución máis rápida posible” para que a inxección de liquidez aos comercios chegase canto antes. As asociacións de comerciantes amosaron a súa satisfacción coa medida.
Segundo plan de axudas
Esta primeira convocatoria de 600.000 euros encádrase no plan de axudas aos sectores máis afectados polas medidas restritivas para a contención da pandemia, e executarase con cargo ao remanente de tesourería. Serán en total 3,5 millóns de euros para o comercio, a hostalería e o sector cultural, que se completarán cun millón máis a achegar pola Deputación da Coruña.