Compostela, 4 de setembro do 2019 – O Ateneo de Santiago da un paso máis nas súas actividades coa creación do Festival Ateneo Barroco que se celebrará no mes de outubro.
O Festival Ateneo Barroco forma parte do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia, e conta co patrocinio da Deputación da Coruña e o Concello de Santiago e a colaboración da Universidade de Santiago. A programación reúne unha proposta de concertos e actividades complementarias didácticas e divulgativas (conferencias, encontros, proxeccións, etc.) que se celebrará na cidade nos primeiros días do vindeiro mes de outubro.
No acto de presentación interviñeron o Secretario da entidade organizadora Francisco Candela e o Director artístico do Festival Víctor Carou, así como a Comisaria do Xacobeo 2021 Cecilia Pereira e a responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago Mercedes Rosón.
Na programación desta nova actividade cultural para Santiago de Compostela destaca a celebración de 5 concertos entre o 8 e o 12 de outubro ás 20.00 horas con pezas de Bach, Haendel, Vivaldi ou Barbara Strozzi, interpretadas por artistas da altura de Massimo Sapadano e Fernando López Pan, Marta Infante e Manuel Vilas, así como os grupos Resonet, Gli Incogniti e Accademia del Piacere, onde se poderá gozar da música e do patrimonio artístico da cidade, en teatros, igrexas e espazos singulares como o Teatro Principal ou a Igrexa e o Paraninfo da Universidade. Estes concertos irán precedidos de pequenas charlas impartidas polos propios intérpretes que versarán sobre os instrumentos do barroco (clave, arpa de dúas ordes, tiorba e viola da gamba).
O Festival Ateneo Barroco quere amosar dende a esta primeira edición a súa vocación de plataforma de mostra, de intercambio e de diálogo dos artistas e intérpretes galegos e residentes en Galicia, recoñecidos especialistas que teñen centrado os seus esforzos formativos e a súa traxectoria profesional e investigadora na música antiga, con prestixiosos artistas doutras latitudes que, sen dúbida, contribuirán a enriquecer a experiencia dos asistentes nun proxecto que nace con visos de continuidade, crecemento e expansión. Ademais, a igualdade é un dos obxectivos primordiais en todos os seus niveis, facendo promoción activa da participación de mulleres, creadoras, intérpretes, profesionais, comunicadoras e investigadoras dun xeito responsable, visible e protagonista.
Previamente, o Festival inaugurarase na Rúa do Vilar, 19, cun ciclo de documentais os días 1 e 2 de outubro e unha conferencia titulada “Barbara Strozzi, a voz misteriosa”, impartida por Stefano Russomanno, o luns 7 de outubro ás 20h.
As entradas para os concertos sairán á venda a partir do vindeiro xoves día 5 de setembro, a través de Ataquilla así como na sede do Ateneo de Santiago e nas sedes de Afundación da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense. O acceso ás charlas así como ao ciclo de documentais e á conferencia inaugural será gratuíto con limitación de capacidade. O programa completo pódese consultar na páxina https://festivalateneobarroco.gal.
1 thought on “Festival Ateneo Barroco 2019”
Comments are closed.