Compostela, 14 de decembro do 2018 – Despois do éxito viral que tivo a proxección dos episodios da serie ‘Coñeza vostede España’, ‘Compostela’ e ‘Hacia Santiago’, na Carta Branca que o festival Curtocircuíto e o Cineclube de Compostela lle concederan a Ezequiel Méndez Vidal no pasado mes de outubro, ambas partes volven a colaborar para proxectar as devanditas curtas, e homeaxear ao director Claudio Guerín Hill.
A cita será no teatro Principal este sábado as sete e media da tarde. No acto proxectaránse os mencionados documentais de Claudio Guerín para televisión Compostela e Hacia Santiago e un terceiro curto engadido para esta ocasión. Con esta iniciativa, Curtocircuíto e o Cineclube queren por en valor o patrimonio inmaterial da cidade, achegar ao público máis amplo a historia recente de Compostela e Galicia e recoñecer a labor de Guerín Hill como un dos cineastas que máis filmou o noso país durante os anos da ditadura. Méndez Vidal afirma, ademais, que «esta homenaxe é un desagravio coa figura de Guerín Hill, autor que lle deu moito a Galicia e que nunca foi correspondido».
Claudio Guerín Hill, naceu en Sevilla en 1939, formouse na Escola Oficial de Cinema de Madrid, e colaborou na revista Nuestro Cine. Realizou varias curtametraxes antes de estrear Os desafíos (1968), filme no que participan tamén José Luis Egea e Víctor Erice, ao que seguirían, xa en solitario, os filmes A casa das pombas (1972) e A campá do inferno (1973), ademais de numerosos traballos para televisión e teatro. Realizando A campá do inferno, morre ao caer da torre da igrexa de Santa María de Noia.
Ezequiel Méndez Vidal (Santiago de Compostela, 1941), que posteriormente desenvolvería a súa carreira profesional no sector editorial traballando para o Fondo de Cultura Económica, Alianza Editorial ou no equipo fundador do Instituto Cervantes, foi unha figura fundamental para a cinefilia de Compostela. Na súa etapa estudantil, ademais da súa labor no Cine-Club (que chegou a ter 1.000 socios na súa segunda etapa e funcionou como notable foco de pensamento crítico durante o franquismo) escribiu sobre cinema en La Noche e El Correo Gallego e foi un dos iniciadores do Equipo 64, co que realizou varios documentais sobre Galicia e a súa cidade natal.
O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, está organizado polo Concello de Santiago, coa colaboración da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA.
‣ Sábado 15 – Teatro Principal de Santiago de Compostela
[Presentada por Ezequiel Méndez – Repetición completa das pezas viralizadas en Curtocircuíto]
Coñeza vostede España: Compostela (Conozca usted España: Compostela, Claudio Guerín Hill, España, 1967, 30′, VO)
Coñeza vostede España: Hacia Santiago (Conozca usted España: Hacia Santiago, José Luis Font, España, 1970, 32′, VO)
Galicia (Galicia, Claudio Guerín Hill, España, 1967, 30′, VO)