Compostela, 13 de decembro do 2022 – Lúa Mosquetera e Wilma Vieira, na categoría de poesía, Xisco Feijóo e Ana Moura, na de música, e Ponte… nas Ondas! como premio especial do xurado recibirán este xoves os premios aRi[t]mar.
A gala contará coas actuacións da artista lusa A garota não e da galego-arxentina Catuxa Salom e estará dirixida por Isabel Risco e Fran Rei. As entradas para asistir de público ao Teatro Principal poderán adquirirse de balde en https://www.compostelacultura.gal/ a partir de hoxe martes día 13.
A presentación da gala tivo lugar este luns no Centro Internacional de Prensa. Participaron Xosé Lago García, director do Agrupamento de Cooperación Transfronteriza Galiza-Norte de Portugal, Valentín Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Gonzalo Constenla, director da EOI de Santiago, Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago e Xosé Luís Pena, da Deputación da Coruña.
Será a sétima edición dos premios aRi[t]mar que outorga a Escola Oficial de Idiomas de Santiago. Xosé Lago, director do Agrupamento de Cooperación Transfronteriza Galiza-Norte de Portugal, afirmou que aRi[t]mar “é unha boa ferramenta para lograr o coñecemento mutuo entre ambos lados da Raia”.
Pola súa banda a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, destacou a calidade das obras gañadoras así como a presenza de mulleres premiadas, “un indicador de que as mulleres están a liderar a creación artística”. O responsable de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas, agradeceu a iniciativa da EOI polo seu traballo a prol dun ben intanxible como é a lingua común dunha comunidade de máis de 250 millóns de persoas.
O secretario xeral de Política Lingüística, afirmou que “aRi[t]mar é unha feliz idea que xurdiu hai xa sete anos, que partiu dunha EOI moi activa e que supón un observatorio de contacto exitoso coa lusofonía”. Valentín García tamén quixo destacar o proxecto gañador este ano do premio do xurado, o programa de radio interescolar Ponte… nas ondas!, que vén de lograr situarse na lista das mellores prácticas co Patrimonio Cultural da Unesco.