займ срочно

Santiago acollerá o 7 de setembro un Ingress First Saturday

0

Compostela, 27 de agosto do 2019 – Compostela acollerá en pouco máis dunha semana un Ingress FS, un evento do que foi o primeiro xogo de realidade aumentada.

É posible que coñezas o Pokemon Go e, se xogas, é posible que coñezas tamén o Ingress. Foi o primeiro xogo de realidade aumentada, alá polo 2010. Agora, cunha recente actualización, ve volver aos fillos pródigos que se pasaran ao Pokemon Go! e o 7 de setembro celebrará o primeiro evento da historia en Compostela.

Ingress FSAlgo máis que un xogo

Ingress naceu no 2010 da man de Niantic. A compañía era por aquel entón unha empresa en desenvolvemento dentro do xigante Google. Do que se trataba, e así sigue sendo, é de que o xogador interactuara con lugares do mundo real. Usando o GPS dos terminais móbiles realízanse accións en puntos do mapa creado pola empresa. Os mesmos puntos que servirían para que tempo despois nacera o exitoso Pokemon Go!.

Como calquera xogo ten unha trama que sostén estas accións. Unha mente extraterrestre ven a invadir a terra; o mundo divídese en dúas faccións: os que a apoian, Iluminados (verdes) que cren que traerán un mundo mellor, e os que se opoñen a invasión, Resistencia (azuis), que intentan deter o avance dos alieníxenas. A medida que se xoga uns e outros irán capturando áreas xeográficas, perdéndoas, atacando as dos contrincantes e defendendo as propias.

Escala global

A diferenza co Pokemon Go!, visto desde fora, radica en que o Ingress permite unha escala xeográfica moito maior e iso require unha planificación e colaboración tamén máis grande. Un pode capturar Pokemon sen máis axuda pero será difícil que cubra unha gran área sen a colaboración de outros xogadores. As áreas cóbrense enlazando 3 puntos, canto máis terreo cubras máis avanzas no xogo, e iso leva o xogo a outro nivel.

Os puntos foron situados no mapa por Niantic e un os pode atopar literalmente en calquera sitio. Desde a Antártida ata a Patagonia ou Sierra Leona. Iso provoca situación curiosas xa que a algúns de eses lugares son poucas as persoas que poden acceder e, polo tanto, unha vez que capturan ese punto dificilmente o sacarán de alí.

Aqui é cando as anécdotas comezan a fluír ao falar cos xogadores. En certa ocasión, nunha noite, máis de cen xogadores colaboraron para cubrir todo a metade do mapa de España enlazando puntos. Cando alguén conseguiu colocar un punto de enlace en Sierra Leona, en permanente conflito armado, e durante un tempo media Sudáfrica estaba dun só color. O mesmo sucede a nivel rexional ou local; cubrir a provincia da Coruña supón moverse con rapidez e viaxar aos puntos máis afastados para poder enlazar desde lonxe. En Santiago, a xulgar polo mapa de esta mañá, os verdes van gañando a partida pero seguro que cara ao mediodía cambiaron as tornas.

Situación da zona de Santiago hoxe martes 27/08/2019 as 06:00 AM

Os xogadores

Falamos con varios xogadores de Ingress, tamén de Pokemon Go!, e todos coinciden en que a competitividade é a clave. Non hai unha distracción posible, estás nun equipo e loitas contra outro. Os perfís van desde o xogador esporádico ata o obsesivo; algúns de estes últimos o son tanto que os seus alcumes no xogo provocan todo tipo de comentarios.

Tamén hai unanimidade en que non hai un perfil social definido. As tarifas asequibles de datos e as wi-fi popularizaron as conexións de datos e un pode atopar desde ciruxiáns ata autónomos, obreiros, xornalistas, comerciais…   ao igual que Pokemon Go!, e lonxe do tópico do illamento que provocan os móbiles, este xogo axuda a sociabilizar, a coñecer xente de moi diversos tipos, a falar e compartir máis do que poida parecer.

O xogo crece e cambia grazas a eles. Os puntos de enlace, os lugares no mapa, son propostos polos propios xogadores; máis de cen dos máis altos niveis teñen que valorar esas propostas e si a maioría considera o lugar aceptable, en base a unha serie de características, o novo punto incorpórase ao xogo. A democracia asamblearia que non se consigue na vida real presente nun xogo de teléfono.

Unha cita en setembro

Niantic organiza eventos a escala global, en distintas cidades de todo o mundo cada certo tempo, pero a comunidade pode facer o mesmo a nivel local. A empresa, si admite a proposta, prepara o xogo para que ese día nunhas horas determinadas os participantes consigan máis puntuación realizando determinadas misións.

As misións buscan a colaboración. Durante duas horas as dúas faccións atacan e defenden un mesmo punto así que no evento participan xogadores das dúas faccións. É unha oiportunidade para coñecer xente e tamén para que os máis novatos poidan crecer e subir de nivel no xogo.

En Santiago este Ingress FS celebrarase o 7 de setembro desde as seis da tarde e ata as nove e media da noite. O punto de reunión será un lugar moi coñecido e onde se poden ver habitualmente xogadores de Ingress e de Pokemon; a estatua de Rosalía nas escaleiras da Ferradura. O punto de peche do evento xusto enfronte, no estanque do campus sur.

Os organizadores crearon unha insignia específica e unha camiseta para a ocasión. Esperan recibir visitantes de outras vilas xa que en ocasións anteriores foron eles os que participaron en encontros en outras cidades. Tedes máis información no enlace do evento

Lindeiros estará por alí para contar despois como resultou pero por seguridade manteremos o anonimato, non queremos que as misións se vexan comprometidas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies