Compostela, 19 de setembro do 2023 – O concello de Santiago reuniuse de xeito oficial coa Deputación da Coruña para analizar as cuestións prioritarias na relación entre ámbalas dúas institucións.

Por Santiago participaron a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a primeira tenente de alcaldesa, María Rozas. Por parte da Deputación o presidente, Valentín González Formoso, e o vicepresidente provincial, Xosé Regueira.
Entre os temas tratados, fixeron seguimento de proxectos do POS, parque comarcal de bombeiros, Compostela Rupestre, Local social da Rocha, Festival Rosalía de Castro e de convenios asinados da Vía Verde, do Auditorio de Galicia e da Casa da Xuventude, entre outros.
Este último asunto, o da Casa da Xuventude, é dos que xera máis interese despois dunha campaña electoral na que foi protagonista. Primeiro coa sinatura en tempo de desconto entre o anterior equipo de goberno de Sánchez Bugallo e a Deputación e xa no presente mandato coa petición, por parte do ente provincial, dun prazo para falar sobre o futuro do edificio.
A proposta do concello de Santiago é unha localización alternativa para o centro de usos polivalentes da Deputación. Presentaron varios espazos que o ente provincial deberá estudar, desde o punto de vista técnico, nas vindeiras semanas. Unha medida que segue sen aclarar o futuro do edificio da praza do Matadoiro.