займ срочно

O cineasta austríaco Peter Tscherkassky chega a Curtocircuíto

0

Compostela, 2 de outubro do 2019 – Nova xornada de Curtocircuíto tras a preestrea de O que Arde, en ela os actores Amador e Benedicta acapararon todos os aplausos. Hoxe será a quenda do austriaco Peter Tscherkassky.

O cineasta austríaco Peter Tscherkassky presentará, no Teatro Principal ás 12h15,  a primeira das sesións da retrospectiva que o festival lle dedica nesta edición. Nela, poderán verse os filmes Erotique, Urlaubsfilm, tabula rasa, Manufraktur, L’Arrivée, Outer Space, Dream Work, e The Exquisite Corpus. Curtocircuíto ofreceralle deste xeito ao público a oportunidade de gozar en pantalla grande dunha das filmografías máis controvertidas, elocuentes e transgresoras do cinema actual.

O resto da xornada

A xornada do mércores comezará un día máis en Curtocircuíto con Teenage Riot e Criaturas, as sesións que o festival programa para escolares de entre 6 e 18 anos. Ás 11h30 terá lugar a segunda sesión do Obradoiro para institutos impartido por Javier García, ´Montaxe e narrativa audiovisual´ na Biblioteca Ánxel Casal.

Xa pola tarde, no Teatro Principal da cidade acollerá ás 18h30 a terceira sesión de Explora cos filmes Color-blind, de Ben Russell; Momentum 115811, de Manuel Knapp; e Gulyabani, de Gürcan Keltek. Ás 19h00 o Salón Teatro encherase do audiovisual emerxente máis prometedor do país con Supernova. Dez novas voces conforman esta sección na que se proxectarán Hoy no va a llover, de Lautaro Herrera Batallán; O que precede a caída é branco, de Aldara Pagán; O que medra por dentro, de Nacho Ozores; A ninguna parte, de Pedro Vilas; 1 de 8.000, de Marta Valverde; Casting, de Lucía Estévez; O Enterrador Bejins, de Alejandro Sixto García; La magdalena de Proust, de Adela Dávila; Stockroom, de Sol Mussa e A typical morning, de Arancha Brandón.

O audiovisual galego volverá ser un dos grandes protagonistas da xornada na sesión Planeta GZ 2, que dará comezo ás 22h30 tamén no no Teatro Principal. Nun contexto no que a creación cinematográfica galega vive un dos seus momentos de maior relevancia internacional, o festival quere visibilizar nesta sección a riqueza e variedade do cinema galego actual, con estéticas, temáticas, xéneros e mesmo procedencias ben diferentes. Desta vez será a quenda de Arrolo, de Lucía Estévez; 16 de decembro, de Álvaro Gago; Os prexuízos da auga, de Santos Díaz; En la boca de la mina, de  Brandán Cerviño; e Limbo, de Dani Viqueira

A xornada finalizará en Numax coa sesión especial Kevin B. Lee ft. Harun Farocki. Durante a súa labor como primeiro artista residente do recentemente creado Instituto Harun Farocki en Berlín, Kevin B. Lee produciu unha serie de videoensaios sobre Farocki para o Instituto Goethe. Os videoensaios que se amosarán nesta sesión adoptan a propia estratexia de Farocki de “imaxes estudando imaxes” para explorar a formidable obra do artista, aplicando fórmulas innovadoras como o documental de escritorio (desktop documentary) e a lexicografía videográfica.

Preestrea de O que arde

A de onte foi unha noite moi especial na que o director de O que arde, Oliver Laxe, volvía a que é sen duda unha das súas casas (porque Cannes comeza a ser a outra).

Pela del Álamo e Oliver Laxe en Curtocircuíto

Pela del Álamo, esquerda, e Oliver Laxe en Curtocircuíto

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, lembraba que no 2010 Cineuropa xa premiara a Laxe polo que resultaba moi satisfactorio ver como o director crecía como cineasta e seguía acaparando premios.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, destacaba tamén a importancia do traballo de Oliver á hora de espallar a marca Galicia polo mundo.

Pela del Álamo, director de Curtocircuíto, agradecía a implicación de todo o equipo de O que arde cando lles propuxo facer a preestrea no festival.

Pola súa banda Oliver Laxe falaba na súa intervención da importancia que ten na arte a mestura, a posibilidade de que todo o mundo acceda ao traballo que el fai

A anécdota a protagonizou Benedicta. Tras a intervención de Pela del Álamo fixo intención de ir ao micrófono para falar pensando que era a súa quenda. Pela pediulle con todo o cariño que agardara xa que era a queda das autoridades e do director. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, pechou as intervencións pero decidiu deixar o seu último minuto e medio para Benedicta aínda que non estaba previsto o que foi aplaudido e meteu a actriz nun compromiso que resolveu recibindo todo o cariño do público.

Oliver Laxe, Amador e Benedicta en Curtociruíto

Oliver Laxe, Amador e Benedicta en Curtociruíto

Tras a película un interesante coloquio puxo fin, xa de madrugada, a unha preestrea moi emotiva dunha película de obrigada visión. As idílicas paisaxes de Navia de Suarna mestúranse coa dureza de ver un incendio en primeira fila. De fondo o amor nas súas diversas facianas. Un filme que días despois o espectador seguirá lembrando.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies