Compostela, 29 de novembro do 2023 – A asociación Amigos da Ópera de Santiago e o concello da cidade organizan esta fin de semana o VI Concurso de Canto Compostela Lírica.
Unha cita das máis reputadas dentro e fora de Galicia pola calidade dos seus participantes. Máis de 70 solicitudes que quedaron reducidas a 20 solistas de 7 países distintos. O Concurso de canto foi presentado no concello coa presenza de Jesús Couceiro, presidente da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago; a secretaria da entidade, Cecilia Portela; a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Miriam Louzao, e o director xeral de Cultural da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo.
O Auditorio de Galicia acollerá a semifinal o venres ás 17.00 horas e dela sairán os oito finalistas que actuarán na final do sábado a partir das 20.30 horas. Ambas as dúas citas serán abertas ao público e a entrada será gratuíta. O evento conta coa colaboración da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.
Promover o talento
O Concurso de Canto Compostela Lírica ten como obxectivo promover, apoiar e difundir as carreiras incipientes no ámbito lírico de menores de 35 anos. Voces procedentes de Chile, China, Letonia, México, Italia, Polonia e España foron escollidas na selección previa entre as 72 persoas inscritas e orixinarias de 19 países diferentes.
Amigos da Ópera de Santiago repartirá 7000 euros entre as voces gañadoras nuns galardóns que virán acompañados con diplomas acreditativos e con varios recitais remunerados. Deste xeito, o primeiro premio está dotado con 4000 euros, cunha actuación coa Real Filharmonía de Galicia, cun recital no marco do Festival Les Musicales du Luberon e cun rol de temporada na Ópera de Oviedo.
O segundo galardón constará de 2000 euros e unha actuación remunerada en Santiago de Compostela, mentres que o terceiro disporá de 1000 euros. Por último, as tres voces galegas que participarán esta fin de semana no concurso competirán por unha distinción a maiores: o Diploma Andrés Gaos, que inclúe unha actuación remunerada no marco das actividades do Consello da Cultura Galega.
O xurado
O xurado responsable de decidir este palmarés está formado por: Patrick Canac, presidente e fundador de Les Musicales du Luberon; Elisabete Matos, directora artística do Teatro São Carlos de Lisboa; Maciej Pikulski, pianista; Victoria Stapells, crítica musical; Graziela Valceva Fierro, mezzosoprano e profesora de canto; Celestino Varela, director artístico da Ópera de Oviedo, e Arturo Reverter, crítico musical encargado de presidir o xurado. Actuará como secretario, sen voz nin voto, José María Miranda Boto, membro da Xunta Directiva de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela.