Compostela, 28 de maio do 2020 – Compostela Aberta pedirá ao equipo de goberno a creación dunha comisión especial que impulse un Plan de Rescate Social para Santiago.
A concelleira Marta Lois presentou esta proposta de Rescate Social que defenderá no pleno ordinario que se celebra hoxe no concello. No documento tamén se insta ao Goberno a impulsar unha mesa de diálogo co tecido social de Compostela, para que sexa partícipe da elaboración e implementación das medidas acordadas.
Marta Lois avoga porque “o conxunto da Corporación, Goberno e oposición, colaboren na planificación dun Plan de Rescate Social que garanta os dereitos sociais de toda a cidadanía de Santiago tras a crise da Covid-19”. Esa colaboración, engadiu, debe materializarse a través dunha ferramenta contemplada no regulamento orgánico do Pleno, que no seu artigo 121.4 fala da creación das “ comisións informativas, de estudo ou proposta de carácter especial para a consulta ou seguimento dun programa, expediente ou asunto determinado cuxa importancia ou complexidade o aconselle ”.
Para Compostela Aberta este plan “debe procurar medidas que poñan o foco nas políticas sociais, nos coidados e na conciliación; e tén que atender tamén á recuperación do emprego, á procura dun novo modelo turístico e á reactivación do Plan de Reindustrialización de Santiago”. Ademais das competencias municipais, CA entende que a Comisión de Estudo debe ser o órgano a través do que se canalicen as demandas a outras administracións, “nomeadamente á Xunta, que debera poñer en marcha unha Mesa municipal e social galega na que coopere cos concellos e cos representantes sociais para combater a situación de emerxencia sanitaria e social”.
Diálogo co tecido social
Na proposición tamén se reclama a creación dunha Mesa de diálogo social con representantes das centrais sindicais e do tecido empresarial e comercial da cidade. Esa ferramenta, apunta Marta Lois, “debe servir para manter unha información constante co tecido social, pero tamén e sobre todo para recoller as súas demandas e consensuar medidas de rescate fronte ás consecuencias socioeconómicas da pandemia da Covid-19”.