займ срочно

Presentada en Compostela a nova edición de Os Eidos de Novoneyra

0

Compostela, 23 de xuño do 2018 –  O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu ao Museo do Pobo Galego para participar na presentación da nova edición de Os Eidos, o poemario de Uxío Novomeyra que a editorial Chan da Polvora recupera para a colección Biblioteca de Mesopotamia.

A nova edición de Os eidos é orixinal e excepcional por incluír un dicionario novoneyriano da autoría de Emilio Araúxo titulado As cores do ucedo. Neste traballo, resultado de máis de quince anos de entrevistas e conversas co poeta do Courel, saen á luz cuestións ata agora inéditas sobre a xénese do libro e os estados emocionais en que vivía o autor cando o escribiu. Ademais, o volume inclúe unha introdución de Olga Novo, unha das grandes especialistas na obra do escritor courelao, e un conxunto de caligramas relativos ao poemario.

Valentín García considerou “que sempre é un pracer revisitar a poesía de Uxío Novoneyra, pero este vese incrementado cando se pode facer a través dunha publicación tan coidada coma esta que hoxe presentamos”. O secretario xeral valorou que a edición se vise enriquecida “co prólogo de Olga Novo e co dicionario de Emilio Araúxo, que deita nova luz sobre os textos e as circunstancias en que se compuxo esta obra fundamental da literatura galega contemporánea, o que fai o volume interesantísimo tanto para lectores como para investigadores”.

Con Valentín García participou na presentación Elba Rei -presidenta da Fundación Uxío Novoneyra-, así como especialistas vinculados á edición e representantes das administracións que patrocinan, a canda Política Lingüística, a Biblioteca de Mesopotamia: as deputacións de Lugo e Ourense; os concellos de Monforte, Sober, A Pobra do Brollón, O Incio, Ribas de Sil, Parada do Sil, Quiroga, Folgoso do Courel, Pantón, O Saviñao e Castro Caldelas, e a Denominación de Orixe vitícola Ribeira Sacra.

Os eidos

Os eidos, de Uxío Novoneyra, converteuse, xa desde a súa publicación en 1955, nun dos fitos fundamentais da poesía galega do século XX. Considerado o inicio dunha corrente que diluía o persoal en favor do común, o libro naceu durante a convalecencia de Novoneyra por unha grave pleuresía entre 1952 e 1954. O poeta aseguraba que durante esa convalecencia a súa mirada se abrira a unha percepción directa das cousas e dos seres que lle permitiu concibir a propia terra como unha forma onde se escribe algo que se nos segue a dicir, sen interrupción.

Biblioteca de Mesopotamia

A colección Biblioteca de Mesopotamia -patrocinada, entre outras entidades, pola Secretaría Xeral de Política Lingüística- aspira a reconstruír a paisaxe literaria xurdida na confluencia dos ríos Miño e Sil, así como a apoiar a candidatura da Ribeira Sacra ao recoñecemento de Patrimonio da Humanidade. O primeiro volume da Biblioteca foi Os contos de Mesopotamia, de Ánxel Fole, colleita dunha serie de narracións ambientadas en diferentes paisaxes da zona, desde O Incio e O Courel ou Castro Caldelas a Monforte e A Pobra de Brollón. Os eidos, do chamado poeta do Courel, Uxío Novoneyra, constitúe o segundo libro da colección.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies