займ срочно

Commedia regresa a Compostela 25 anos despois da súa estrea

0

Compostela, 5 de setembro do 2018 – Commedia, un xoguete para Goldoni, estreada no 93 na Mostra de Teatro de Ribadavia e que supuxo un punto de inflexión no Teatro Galego, regresa desde hoxe a Compostela

Commedia repite no posible o mesmo equipo creativo orixinal. Está dirixida por Cándido Pazó e interpretada por Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Avelino González, Nuria Sanz, César Goldi e Sergio Zearreta. As funcións teñen lugar no Teatro Principal ata o< 8 de setembro

A historia da obra

En 1993, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a compañía Ollomoltranvía estreaba “Commedia. Un xoguete para Goldoni”, un espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego. Daquela fixéronse máis de 200 funcións en xira por España, Portugal e Francia, con recoñecementos como os Premios Compostela 93 á mellor dirección, mellor actor e mellor espectáculo, o Premi da Crítica del País Valenciá ou o Premio da Asociación Independiente de Teatro de Alicante.

A dramaturxia e a dirección da obra corre de novo a cargo de Cándido Pazó e da súa interpretación encárganse Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Avelino González, Nuria Sanz, César Goldi e Sergio Zearreta.

Segundo explica o seu director –hai 25 anos e hoxe-, Cándido Pazó, “trátase da mesma peza cunha realización plástica redefinida, un tratamento musical reelaborado, unha actuación reestilizada, pero co mesmo concepto fundamental: xogar a facer commedia dell’arte para divertirnos e divertir”.

Un xoguete para o público

En 1993 Commedia levaba por subtítulo “Un xoguete para Goldoni”. Vintecinco anos despois segue querendo ser un xoguete… para o público.  Pazó explica que “para facer este tipo de espectáculos precísase un tipo de actor que era bastante común nos séculos XVI, XVII o XVII, pero que hoxe xa non o é tanto, ese que sabía ser un pouquiño músico, un pouquiño bailarín, un pouquiño acróbata e un moito comediante. Atopar, modelar e modular este tipo de actor foi unha das nosas principais preocupacións”.

En Commedia a música é executada en directo polos actores. Unha música baseada en melodías orixinais compostas a partir de ritmos tradicionais renacentistas ou barrocos. Cada figura ten unha melodía e un ritmo distintivos, constituíndo unha forma de expresión tan definitoria das personaxes de Commedia coma o traballo físico ou o textual.

Con perspectiva temporal

Subliña Cándido Pazó que “un sistema teatral non se pode considerar maduro mentres non teña media ducia de éxitos que revisitar e perspectiva temporal para valoralos”. Porque o teatro non se pode enlatar. É ao vivo ou non é. E a única maneira de que as novas xeracións poidan vivir, e as non tan novas revivir, eses vellos acertos é levándoos de novo ás táboas.

Neste sentido o director e dramaturgo considera que COMMEDIA fai parte desa media ducia de éxitos históricos. “E se en 1993 queriamos homenaxear ao gran comediógrafo Carlo Goldoni no 200 aniversario da súa morte, 25 anos despois a homenaxe é para as vidas, profesionais e humanas, de todas as xentes de todos os oficios escénicos que ao longo do tempo botaron a andar e afianzaron o noso teatro”, engade.

Sinopsis

Arlecchino encontra unha carta de amor no mandil da súa muller e, erradamente –pois a carta non era para ela– pensa que ela o engana. Desesperado, quere matarse. Pero deteno unha misteriosa voz que vén de ningures e que lle dá un anel máxico que ten a extraordinaria propiedade de facer perder a memoria a quen o pon. Arlecchino esquéceo todo. Pero, como dano colateral, esquece tamén a noción das convencións sociais.

A partir deste arranque argumental sucédense unha serie de divertidos equívocos e enxeñosos enredos nos que participan algunhas das principais figuras da commedia dell ́arte: o cutre taberneiro Brighella, o pedante Dottore, o avaro Pantalone, o fanfarrón Capitano, a encantadora Arxentina…

Un argumento que, máis alá do imprescindíbel alarde formal e lúdico, da pé para xogar criticamente cos manidos tópicos do amor romántico e os riscos do exercicio indiscriminado da sinceridade.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies