займ срочно

Comeza en Teo o III Festival Titiriberia

0

Teo, 6 de novembro do 2018 – O festival Titiriberia comeza hoxe coa programación escolar da súa terceira edición, que se celebrará até o vindeiro domingo 11 de novembro no concello de Teo.

Titiriberia Olladas sobre os Cristovos está organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña. En total, o festival ofrecerá doce funcións e dobrará a súa aposta pola Feira de Francos, recuperando tanto a Carballeira como a festividade de San Martiño como espazo de exhibición e difusión dos Títeres tradicionais.

A programación escolar comezará hoxe martes co grupo galego Micromina Títeres, que ofrecerá a súa obra A familia unida cunha dupla sesión: ás 10.00 horas no CEIP A Igrexa-Calo e ás 12.30 horas, no Auditorio Constante Liste. A obra preséntanos a Cromina que, logo de ser pai, confronta a súa natureza festeira coa seriedade necesaria para optar a unha oferta laboral vitalicia. Unha reinterpretación das obras clásicas de luva na tradición de Punch, Pulcinella e o Bululú, con inimigos como a autoridade, a paternidade, o dragón ou a morte. As seguintes sesións escolares celebraranse o xoves no Auditorio Constante Liste coa obra Angelita, do grupo catalán Tactilicüa, e o venres 9 no IES de Teo con Viravolta Títeres, que presentarán Todos ao balcón.

Estrea ‘Dona Barriga Verde’

Nesta edición, o programa incluirá a estrea de Dona Barriga Verde, espectáculo de Larraitz Producións Artísticas que supón unha actualización das formas e dos xeitos do clásico personaxe dos monicreques de cachaporra, achegando unha protagonista feminina que, sen perder os gags clásicos, fomenta novas visións aos roles de xénero e aos estereotipos dos monicreques. A Asociación Morreu o Demo colabora co proxecto prestando asesoramento histórico e documentación. A intención é que esta montaxe, producida desde a propia organización do festival, poida xirar con posterioridade en diferentes feiras tradicionais e eventos que están a contar de xeito habitual con Títeres tradicionais.’Dona Barriga Verde’ estrearase na Barraca de Titiriberia que se instalará na Feira de Francos o domingo 11 de novembro ás 12.00 horas.

‘As varietés do Barriga Verde’

A de Larraitz Producións Artísticas non será a única estrea que programe Titiriberia nesta terceira edición, xa que o festival inclúe unha montaxe singular o sábado 10 de novembro ás 21.30 horas na Carballeira de Francos. Baixo o título As varietés do Barriga Verde, a montaxe pretende reproducir, cunha óptica actual, os espectáculos que a familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo á representación da obra de Barriga Verde. Con ese espírito, a produción reunirá as actuacións de compañías galegas como Micromina, Tanxarina Títeres, Títeres Alakrán, Os Monicreques de Kukas, Diego Anido ou Arturo Nono. Todo baixo a presentación da actriz Iria Pinheiro e a coordinación musical de Alonso Caxade, Joam Casas e Paco Nogueiras.

Share.

Comments are closed.