Bisbarra, 21 de maio do 2024 – O Concello de Teo vén de subscribir un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña co obxectivo de intercambias experiencias de distintos tipos.
A intención do concello de Teo e que a colaboración coa UDC chegue a áreas como a docencia, a investigación e a cultura en xeral. Este acordo, explican desde o equipo de goberno, repercutirá ao reforzo do traballo municipal en materia de promoción da participación infantil, ofrecendo acompañamento e formación ás equipas profesionais, persoal político, entidades externas ou outros axentes da comunidade.
Teo forma parte do programa Cidades Amigas da Infancia en colaboración con UNICEF. Pola súa parte, a Universidade da Coruña, a través dos proxectos YOUARECITIZEN e IMCITIZEN, busca acrecentar os coñecementos e a capacidade dos e das profesionais locais (persoal técnico e político, educadores/as, profesorado, nenos e nenas) para así promover e facilitar a inclusión das nenas e nenos nos mecanismos de toma de decisións e participación social no seu municipio.
A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, salientou que este tipo de colaboracións “permiten facilitar o intercambio de profesionais, incluídos profesores e investigadores, mellorando a transparencia na información e promovendo a implicación da corporación local e doutros axentes do territorio na formación e reforzo da participación infantil”.