Padrón, 2 de maio do 2017 – Boa fin de semana para o Cortizo-Anova con podios nas categorías inferiores do club e con Samuel Rodríguez e Aser Estévez subindo tamén ao podio no IX Campionato da Península Ibérica disputado en Ourense.
A Canteira
A canteira do Club Ciclista Padronés desprazouse este sábado a Carballo para disputar o Trofeo Concello de Carballo, a proba que abría o calendario autonómico para as escolas e organizada polo Club Ciclista Carballo.
A categoría principiante comezou a proba de habilidade ás 15:00h na praza do Concello. Aroa Branco e Sara Montenegro subíronse ao 2º e 3º caixón do podio. En categoría promesa, Nicolás Puga recolleu o 3º posto e en categoría infantil, Laura Tenente conseguiu a segunda posición tras un percorrido de 14 voltas completando un total de 10,5 quilómetros.
Miguel Mera, en categoría cadete, alzouse unha vez máis coa vitoria unha proba de 33,2 quilómetros que percorría Carballo, Coristanco e Rus. Con este triunfo, ademais, sitúase líder na Copa Galicia Cadete. Na mesma categoría, Manuel López, levou o premio de Metas Volantes.
IX Campeonato da Península Ibérica
Samuel Rodríguez e Aser Estévez, integrantes do Cortizo-Anova, desprazábanse este luns a Ourense para disputar o IX Campionato da Península Ibérica organizado pola Fundación Ado Moure. A cita reunía a máis de 175 ciclistas de categorías cadete, júnior, sénior, master 30,40, 50, 60 e mulleres procedentes de España e Portugal.
A proba, que percorría un total de 73,5 quilómetros, estivo marcada por unha gran escapada que iniciou Rodríguez (Cortizo-Anova) a escasos 7 quilómetros da saída. Seguido por outras cinco unidades, os 6 fuxidos conseguiron chegar a contar con ata dous minutos de diferenza co pelotón. Cooperando e con bo entendemento, non foi ata o inicio á ascensión ao porto do Mon de Deu cando o pelotón logrou darlles caza.
Foi entón cando Raúl Portillo (C.C. Norinver) collía metros seguido de preto por Estévez (Cortizo-Anova) e Patrick Videira (C.C. Maia). A escasos metros da meta, a vitoria decidiuse ao sprint, conseguindo Videira o primeiro posto seguido por Estévez, que cruzaba a meta en 2ª posición tanto en categoría senior como na clasificación xeral, e Portillo en 3ª posición (vencedor en categoría Master 40). A poucos segundos, chegaba o resto do pelotón que se disputaba o podio do resto de categorías. Rodríguez, finalmente, entraba en 5ª posición xeral, o que o alzou á primeira posición de categoría júnior.