займ срочно

O Claustro da USC aproba as liñas xerais dos orzamentos 2018

0

Compostela, 3 de novembro do 2017 –  O Claustro da USC aprobou este xoves as liñas xerais do orzamento da USC para 2018, que ascendería a 234,92 millóns de euros.

Estas cifras, explicou o xerente José Manuel Villanueva, estará condicionado pola inexistencia na actualidade das contas públicas do Estado para o vindeiro ano. Do total, 165,97 millóns de euros pertencen ao capítulo de recursos non afectados e os 68,94 millóns restantes ao de afectados (destinados a unha finalidade concreta). O documento foi aprobado con 92 votos a favor, 53 en contra e 2 en branco.

 A proposta debatida este xoves no Claustro apunta a que os orzamentos 2018 permitan, de xeito xenérico, cumprir os compromisos financeiros da USC, ao tempo que atender as previsións dos plans de PDI e PAS formulados polo equipo de goberno para o período 2017-2020, axustar os gastos correntes por servizos básicos, continuar incrementando os recursos de servizos e centros ligados á docencia e á investigación ou avanzar na consolidación e mellora das actuacións de investimento, entre outros obxectivos.

 O xerente explicou igualmente que o documento presentado é o último deste mandato reitoral pero un máis dun ciclo de reequilibrio orzamentario e de amortización de débeda que se estenderá ata o ano 2025. Na presentación explicouse tamén que a venda do solar de Galeras suporá un incremento dos fondos da USC que o equipo de goberno propón dedicar a amortizar a débeda.

 Valedor

Na mesma sesión, o Claustro aprobou por maioría absoluta (152 a favor e 12 brancos) a renovación do profesor Miguel Alcaraz como Valedor da Comunidade Universitaria, unha función que xa exercía dende a súa primeira elección en 2012. Na presentación da súa candidatura destacou a súa vontade de seguir contribuíndo a mellorar a calidade na USC. O Valedor considera fundamental no desenvolvemento das súas funcións o carácter autónomo e independente do seu labor, condicións ambas que, dixo, foron unha constante durante os cinco primeiros anos do seu exercicio.

 Miguel Alcaraz estudou Psicoloxía na USC, onde en 1983 comeza a súa traxectoria como profesor universitario. Á marxe de labores docentes e investigadoras destaca a súa experiencia en distintas tarefas de xestión. Así, foi membro do Claustro en distintos períodos e formou parte da Xunta de PDI, que chegou a presidir, e da Mesa de Negociación dende a súa constitución. Foi ademais director de Departamento e membro do Consello de Goberno da USC en representación dos Directores de Departamento.

 Programación

Na mesma sesión, presentouse o documento coa actualización de 2017 das  Liñas Xerais da Programación Plurianual 2015-2018 que tamén avalía o alcance dos obxectivos marcados no período 2015-2017. O documento –­igualmente aprobado por 63 votos a favor, 42 en contra e 4 en branco– presenta un informe executivo para cada bloque -planificación para edificios e instalacións; investimentos en infraestrutura de docencia e investigación, plans de investigación, comunidade universitaria…– coa actualización das liñas xerais para 2018, en base á revisión realizada de todas as accións que conforman a programación plurianual.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies