Ames, 26 de outubro do 2021 – O concello de Ames organiza unha charla sobre o dano cerebral na semana se sensibilización sobre esta doenza.
A charla sobre dano cerebral adquirido terá lugar na Casa de Maiores do Milladoiro este mércores día 27 as sete da tarde. O evento está organizado pola Asociación Sarela en colaboración co Departamento de Promoción da Saúde de Ames.
O concello ilumina a casa consistorial de azul hoxe martes, o igual que fixo onte luns, co obxectivo de facer fincapé na necesidade de traballar na prevención e na investigación desta enfermidade que cada ano afecta ao redor de 50.000 persoas en Galicia.
Alba Mouzo, terapeuta ocupacional da Asociación Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela) será a encargada de impartir a charla que leva por título “Dano Cerebral”. Na xornada darase resposta a preguntas como que é o Ictus e cal é a súa primeira causa, que recursos especializados existen para tratalo e como previlo.
Como complemento a esta charla as Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro acolleron a exposición “Punto e seguido”, unha mostra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, protagonizada polos usuarios/as de distintas asociacións que se dedican ao coidado das persoas con dano cerebral en Santiago, Lugo e Ourense.
A concelleira de Sanidade e Benestar Social, Luísa Feijóo, amósase satisfeita coas accións que o seu departamento pon en marcha para concienciar á cidadanía “Coñecer a enfermidade, as súas consecuencias e os coidados que require, e tamén, na medida do posible insistir nos hábitos de vida saudable que poden previla, resulta imprescindible especialmente chegadas unhas idades; por iso eliximos a Casa dos Maiores para esta charla que, de seguro dará resposta a moitas destas cuestións”.
O departamento que dirixe Luísa Feijóo recomenda ademais o visionado dunha serie de traballos que reflicten o impacto e os coidados que esixe esta doenza. “Eu non son o meu dano cerebral”, “O coidado informal no dano cerebral”, “O mundo púxose o revés”, “Punto e Seguido, a vida despois do dano cerebral adquirido” e “Ictus, a principal causa do dano cerebral” son algúns dos títulos que tamén se proxectarán nas pantallas municipais instaladas no Concello e nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
Por outra banda, a concellaría de Benestar Social de Ames convida á veciñanza a participar no concurso “Mano en la cabeza” a través do que a “Federación Española de Daño Cerebral” pide á cidadanía subir fotos ou vídeos co cancelo #Día.Daño.Cerebral; as fotos deberán representar a persoas coa man na cabeza e o obxectivo é sumar accións que visibilicen a enfermidade. As persoas que participen antes do 26 de outubro entrarán no sorteo dunha colección de publicacións e guías FEDACE.
As actividades da semana de sensibilización do dano cerebral culminan o venres 29, Día Mundial do Ictus (que é a primeira causa do dano cerebral) coa recepción na compostelá Praza do Obradoiro a Christian Salamin, que peregrina desde Noruega para sensibilizar sobre a doenza. A concellaría que dirixe Luísa Feijóo tamén convida a cidadanía a participar nesta acción.