Compostela, 4 de xullo do 2019 – A Universidade de Santiago abre, ata o 10 de setembro, o prazo de recepción de imaxes para participar no Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson.
Sacar á luz o labor que desenvolven as mulleres na sociedade e desconstruír, na medida do posible, os estereotipos de xénero acerca dos traballos que son propios de mulleres e de homes, así como motivar a facer unha escolla da carreira profesional dun xeito máis libre e vocacional, son os obxectivos cos que bota a andar a sexta edición do Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson.
Esta é unha convocatoria aberta a toda a comunidade universitaria e exalumnado da USC, cuxo prazo de presentación permanecerá aberto ata o 10 de setembro de 2019. As fotografías deberán ter unha resolución mínima de 300 ppp, orientación horizontal e un tamaño A3 ou A4. A temática das imaxes terá unha relación directa coas mulleres dende diversas perspectivas: visibilización do traballo, mulleres e ciencia, rompendo estereotipos de xénero,… Para a eleccións das propostas gañadoras terase en conta a creatividade, innovación e o impacto da imaxe.