Touro, 29 de maio do 2017 – Santiago Brea, do Club Atletismo Milladoiro, fíxose coa V Carreira Pedestre Popular Concello de Touro, sobre un percorrido de dez kilómetros.
Santiago Brea foi o campión masculino na categoría absoluta, cun tempo de 37.16. O segundo posto ocupouno Alberto Rodríguez; do Clube Sar-Vermú Petroni (37.41); e o terceiro: Ricardo Villar, que participou sen Clube e que marcou un tempo de 38.05. Na categoría feminina a primeira corredora en chegar a meta foi Cristina Carril, do Club Atletismo Vagalume de O Pino, cun tempo de 48.47.
Máis de 200 corredores participaron na V Carreira Pedestre Popular Concello de Touro. Un día con nubes pero no que non choveu durante a proba, serviu para atraer a afeccionados ao running de toda a comarca de Santiago. A proba na categoría absoluta constaba de dez kilómetros e discurriu por diferentes puntos do Concello de Touro, fundamentalmente no núcleo urbano de Fonte Díaz.
Trala proba absoluta sucedéronse as carreiras das categorías inferiores. A organización ofreceu unha camiseta a todos os participantes e entregou os trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría. Tamén tiveron premio os tres primeiros corredores locais da categoría absoluta. A entrega de premios, que estivo a cargo do alcalde da localidade, Ignacio Codesido, e da concelleira de Deportes, Adela Iglesias, foi a eso das 13.00 horas, fronte á sede do Concello de Touro, en Fonte Díaz.
Na organización da carreira, ademais do Concello de Touro, participaron a Federación Galega de Atletismo, a Deputación da Coruña e a imprenta Ayude de Arzúa. O alcalde de Touro agradeceu a todos os atletas a participación nesta proba que xa se consolida como unha cita clásica nas probas pedestres da comarca de Santiago. Animou tamén aos participantes a apuntarse na proba do 2018.