Bisbarra, 26 de maio do 2023 – O programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte chega a súa quinta edición e Navarra súmase a Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi como comunidades participantes.

En Camiño Escena Norte participan cada ano compañías de teatro, danza, artes do movemento e novo circo das distintas comunidades que o organizan. O Festival suma ademais este ano unha semana máis de programación e celebrarase do 17 de setembro ao 22 de outubro.
Serán 15 compañías as que ofrecerán espectáculos e actividades no marco dunha proposta apoiada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e cuxo eixe principal xira arredor do Itinerario Constelacións, o circuíto de representacións que chegará case a 60 localidades.

Logo de ser o territorio convidado na pasada edición, Navarra únese a Camiño Escena Norte, definitivamente, como quinta comunidade do proxecto. Un importante esforzo da financiación desde o goberno navarro, permitirá programar en máis espazos da comunidade foral e aumentar as funcións das compañías navarras no resto dos territorios. Incorpórase tamén como colaborador o goberno vasco, o que suporá un reforzo na programación en Euskadi.
Os 15 espectáculos participantes nesta edición foron seleccionados por 5 comisións profesionais de axentes do sector, unha por cada unha das comunidades implicadas no CEN. O programa amosa parte da mellor produción escénica profesional dos cinco territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas; producións para público adulto e familiar; e cunha destacada presenza da danza e artes do movemento, ademais do novo circo.

Galicia seleccionou ás compañías Caramuxo Teatro, co seu espectáculo Crisálida; Rebordelos, con Amantis; e Xampatito Pato con Só. Pola súa banda, Asturias intervirá no intercambio cultural de CEN con Saltantes Teatro e Misery; Luz de Gas con Luna; e Proxecto Piloto, que representará La bestia negra.
A participación de Cantabria virá da man de Ábrego Teatro con Lear en las catedrales; Malabaracirco Producciones Artísticas con Circus Magníficus, e Mari Paula, que presentará Fronterizas. Euskadi seleccionou os traballos de Aboon Teatre, que participará con Baby esferic; Eva Guerrero, con Gorpuztu; e Tanttaka Teatroa, que ofrecerá Sexberdinak. Finalmente, Navarra consolida a súa presenza no Camiño Escena Norte con outras tres propostas artísticas da man de Inextremis e El rey tuerto; Led Silhouette e Los Perros, e Levelibular co seu Portamundos.
Cruzamentos
Xunto ao Itinerario Constelacións está outra das liñas centrais do Camiño Escena Norte: o programa Cruzamentos, deseñado para promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías. Nesta quinta edición, esta rede de estancias artísticas e profesionais irá desde o 17 de agosto e verase reforzada coa incorporación de Navarra. A través desta iniciativa, as compañías residentes terán a oportunidade de compartir experiencias e recibir asesoramento por parte das compañías locais sobre a posta en escena dos seus proxectos.
As seleccionadas neste 2023 son, no caso de Galicia, a proposta de Marta Alonso Tejada e Lasala (Euskadi) para traballar nos proxectos Shine + Dancin’ Queen. En Cantabria, o proxecto elixido é o da compañía local Escena Miriñaque, que convida á galega Os Náufragos Teatro para investigar arredor dunha instalación-espectáculo inmersivo para bebés dentro de Meeting Baby.
Pola súa banda, en Euskadi a compañía residente será a galega Paula Quintas Cía, que ofrecerá unha mirada externa sobre o espectáculo Me arrepiento da vasca Node. E, no caso navarro, a proposta seleccionada reunirá a Dinamo Danza (Navarra) e Mari Paula (Cantabria). Nesta estancia abordarase a mirada externa sobre as pezas Lake y 5778K e Luz. A estancia asturiana quedou deserta ao non se presentar ningún proxecto que involucre unha compañía con sede no Principado de Asturias.