Bisbarra, 7 de maio do 2024 – Brión quere que a banda ancha que o Ministerio de Transformación Dixital está a instalar no rural chegue tamén a todo o concello.
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, realizou unha visita institucional a Brión, onde foi recibida polo seu alcalde, Pablo Lago, e a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero.
O encontro serviu para supervisar as mencionadas actuacións. Os traballos en Brión forman parte do programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO) do Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública.
Pablo Lago cualificou de produtiva esta xuntanza pois “precisamos que a banda ancha chegue o antes posible as casas de todos os veciños e veciñas de Brión”. Neste sentido, o alcalde fixo fincapé en que “o Plan que propón o Goberno está fenomenal, pero necesitamos que a rede ultarápida chegue a todas as vivendas e negocios de Brión, non só aos núcleos rurais”.
O alcalde insistiulle á subdelegada do Goberno en que “no século no que vivimos, e ante todas as necesidades dixitais que require o día a día, non podemos consentir que haxa vivendas ou negocios que non conten con fibra óptica. Por iso solicitámoslle tanto ao Goberno como aos responsables de Vento Rede SLU que cheguen ata a última das vivendas”.
Lago entregoulle á subdelegada unha recompilación das queixas rexistradas no Concello de aldeas que contan con vivendas ás que non chegou a banda ancha como: Gronzo, Romarís, Tembra, Cirro, A Gándara, Avenida dos Ánxeles, Chave de Ponte, Xinzo, Beca, Reboredo Pequeño, Ons e Amañecida.
144 proxectos
Pola súa banda, María Rivas lembrou que o Concello de Brión é un dos beneficiados do Plan Miteco que, a través de 144 proxectos, facilitará a cobertura de banda ancha en 451 vivendas e empresas que antes non dispoñían deste servizo.
Esta extensión faise a través de convocatorias da axudas do Goberno; o programa contempla tres convocatorias. a primeira (2021) xa está rematada e as convocatorias 2022-2023 están en plena execución.
Con estas adxudicacións, en Brión, estase dando cobertura aos lugares de A Graña, Cornanda, Alfonsín, Goiáns, Ardións, Mato, Cristimil, Tourís, Nináns, Tourís, Igrexa, Luaña, Vioxo de Arriba, Vioxo de Abaixo, Esparís, Pousada, ViIar, Mourentáns, Forxán, Salaño Grande, Salaño Pequeno, A Gándara, Cirro, Pazos e Fonte Paredes.
A subdelegada do Goberno na Coruña informou tamén ao alcalde que nos próximos meses a empresa intensificará os traballo de despregue da fibra para o acceso á banda ancha do resto dos lugares do concello.
Pablo Lago insistiu en que “sabemos que a fibra óptica de alta velocidade xa chega as diferentes localidades pero non a todas as casas e espero que este último paso que falta se vaia acometer agora. O pasado fin de semana estiveron en Cirro e nas vindeiras semanas pasarán polo resto de lugares”. Por iso, o alcalde animou aos veciños e veciñas que poidan ter algún problema a notificalo ao Concello de Brión para que a empresa poida dar solución.