Bisbarra, 2 de abril do 2024 – O concello de Brión remata as obras de mellora da rúa Gondar, no núcleo de Pedrouzos, que conecta co límite do concello de Ames.
O investimento de Brión en esta estrada foi de 60.000 euros. Unha vía que pasa ademais polas aldeas de Brans de Abaixo e O Enxo ao longo de dous quilómetros divididos en dous treitos de 1.120 e 780 metros, respectivamente.
A estrada discorre paralela á Carballeira de Santa Minia e tiña moitas fochancas ao ser unha das máis empregadas. Na rúa Gondar, o primeiro tramo, o Concello mellorou a capa de rodaxe con 5 centímetros de aglomerado en quente. Nos 1.120 metros restante, entre Brans de Abaixo e o Enxo, ancheouse ademais o viario en 0,25 metros a cada lado, con 20 centímetros de zahorra e 15 de grava.
Estas obras están incluídas nun dos proxectos do Plan de Obras e Servizos POS+2023, adxudicado por 169.480. Un proxecto que inclúe tamén a mellora da capa de rodaxe dun camiño entre Aguiar e San Fins e doutro en Ralo, que suman máis de 4,5 quilómetros.
Con esta actuación, o Concello de Brión complementa os traballos de mellora da rede de saneamento e abastecemento de auga na rúa Gondar, executados hai un par de anos e que consistiron na construción dun novo tramo de canalización de PVC de 250 milímetros ao longo duns 350 metros de lonxitude para dar servizo a vivendas que aínda non dispoñían del.