Bisbarra, 5 de abril do 2024 – O teatro amador volverá a Brión este ano cunha nova edición do Fegateatro este mesmo mes, en outubro e en novembro.
Fegateatro desenvolverase no auditorio do centro social polivalente de Brión os sábados 6, 20 e 27 de abril, ás 20:00 horas. Tras estas xornadas o ciclo volverá a final de ano. O acordo entre o concello e a Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) foi asinado polo alcalde, Pablo Lago, e a presidenta, Chelo pampillón.
A programación de Fegateatro busca captar o interese da veciñanza de Brión neste tipo de representacións, nas que se promove a cultura e a lingua galega. O ciclo abrirase este sábado 6 de abril con “Río Bravo”, unha comedia musical para todos os públicos da Asociación Cultural e Teatral Catro Gatos (Bergondo).
Trátase dun musical trepidante que esgota os estereotipos do western e se ri de todos eles. A súa banda sonora, dirixida por Andrés Botureira, consta de cancións breves dos máis variados estilos e compleméntase cun amplo dispositivo de sons incidentais e onomatopeias. Unha peza que foi o inicio de Chévere, hoxe premiados co Nacional de Teatro.
A programación de abril completarase con “Vacacións”, unha traxicomedia de A Tequerreté Teatro (Teo) dirixida a un público adulto (20 de abril); e “Un mal día teno calquera”, unha comedia para público adulto de Teatro de Cámara Ditea.