займ срочно

O Pico Sacro na literatura será o argumento do V Un mes e Pico

0

Bisbarra, 22 de maio do 2023 – O concello de Boqueixón presentou a quinta edición do ciclo Un mes e Pico que este ano xirará arredor da presenza do cumio na literatura.

A programación levará a Boqueixón, e ao Pico Sacro,  conferencias, contacontos, a recuperación da tradicional cerimonia do lume sagrado e este ano a presentación de dous novos libros. Un programa que foi presentado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualade, Ana María Seijo; acompañados por tres dos autores que participarán no programa: Raquel Sánchez Mella, Javier Buide Del Real e Pablo Iglesias Rendo.

Se as primeiras edicións se centraron na sacralidade, na relación do Pico Sacro coa cultura xacobea, na arqueoloxía e na espeleoloxía do monte sacro, nesta ocasión “imos centrarnos na presenza do Pico Sacro na literatura, algo que sabemos ben en Boqueixón onde xa temos editado varios folletos e mesmo libros sobre esta cuestión”, adiantou o alcalde..

Inicio do ciclo

O alcalde salientou que o primeiro acto do programa será “a presentación do conto infantil Lupiña e o seu bosque máxico, de Raquel Sánchez Mella, veciña de Boqueixón, que está editado polo Concello de en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que agasallaremos a todas as persoas que asistan ao acto”. Unha presentación que terá lugar o vindeiro venres 26 de maio, ás 19:00 horas, no Centro de Interpretación do Pico Sacro en Cachosenande (Lestedo-Boqueixón).

O libro será presentado pola súa autora, Raquel Sánchez Mella, e polo ilustrador Gabriel Iglesias Sanmartín, que serán introducidos polo alcalde Manuel Fernández Munín. A presentación complementarase cun contacontos infantil, para o que haberá que anotarse previamente no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 ou boqueixonturismo@gmail.com).

Programación de xuño

O resto da programación terá lugar no mes de xuño e todas as actividades serán de balde, se ben o número de prazas é limitado polo que será imprescindible inscribirse no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 ou boqueixonturismo@gmail.com). Así, a Capela de San Sebastián no Pico Sacro acollerá dúas conferencias.

A primeira delas terá lugar o domingo 4 de xuño, ás 19:00 horas: “O Pico Sacro nos primeiros escritos xacobeos”, da man de Javier Buide del Real, sacerdote das parroquias de Boqueixón, Codeso e Oural (Boqueixón) e director do Arquivo da Catedral de Santiago, onde é coengo arquiveiro. A segunda conferencia, “O Pico Sacro, magnetismo literario”, será impartida o sábado 17 de xuño, ás 19:00 horas, por Xosé Manuel Lobato, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, articulista e escritor.

Unha semana antes, o sábado 10 de xuño, ás 19:00 horas, o Centro de Interpretación do Pico Sacro acollerá a presentación do libro “Translatio”, de Pablo Iglesias Rendo. Un acto que incluirá entrega de exemplares e sinatura por parte do autor.

Cerimonia do lume sagrado

Por outra banda, o alcalde de Boqueixón tamén destacou que “despois de dous anos de pandemia e de non poder superar a treboada do ano pasado, agardamos que este ano poidamos recuperar a Cerimonia do Lume Sagrado, que terá lugar o domingo 18 de xuño, ás 13:00 horas, no Pico Sacro. Contaremos coas actuacións de Luz do Ilicinio da Asociación cultural Mestre Manuel Gacio, e da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada). E tamén haberá entrega do lume sagrado: o 23 de xuño a todas aquelas persoas e entidades que queiran facer as súas fogueiras na noite de San Xoán”.

A Cerimonia do Lume Sagrado é unha cerimonia celta encabezada pola raíña Alda e o seu séquito, que recuperará de forma simbólica a tradición dos nosos ancestros na festa do solsticio de verán a través da obtención do lume sagrado directamente do Sol. Todos os que queiran recoller o lume sagrado para prender as súas fogueiras da noite de San Xoán, poderán levar unha candea do Pico Sacro o 23 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas.

Manuel Fernández Munín, agradeceu a colaboración de todas as persoas e entidades que participan na programación deste ano e insistiu en que “dende o Concello de Boqueixón seguiremos traballando na posta en valor do noso patrimonio histórico, cultural e natural. Porque seguimos convencidos de que o Pico Sacro merece ser declarado Ben de Interese Cultural. Motivos hai máis ca de sobra e nós seguiremos traballando para que esta distinción se produza o máis pronto posible”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies