Bisbarra, 5 de setembro do 2023 – O concello de Boqueixón aprobou en Xunta de Goberno a licitación do servizo de axuda no fogar cun crecemento en horas e cartos.

O servizo de Axuda no Fogar terá a partir da adxudicación un incremento de entre o 9,1% e o 19,5% no prezo por hora traballada. Tamén subirá o pago por quilometraxe, que medra un 31,5% e pasa dos actuais 0,19 euros aos 0,26 euros.
O alcalde, Ovidio Rodeiro, salienta que “imos facer un importante esforzo para dignificar as condicións de traballo das persoas que atenden aos nosos maiores e dependentes polo que non so imos aumentar o prezo por hora traballada senón que imos pagar a quilometraxe a 0,26 euros, un 31,5% máis e posiblemente o máis alto que se abona neste tipo de servizos na contorna”.
O prego aprobado fixa en 20,38 euros o prezo das horas ordinarias do SAF, o que supón un incremento do 9,1% con respecto ás anteriores condicións e equiparable ás que se están a ofrecer noutros municipios da contorna. Así mesmo, o Concello de Boqueixón acordou crear unha nova modalidade de fin de semana, cuxo prezo será de 22,32 euros, un 19,5% máis co prezo ordinario.
O Concello de Boqueixón vai máis aló das reclamacións presentadas polas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, que o pasado mes de novembro de 2022 solicitaran ao Pleno un aumento dos cobros de quilometraxe ata os 0,25 euros. O contrato do SAF de Boqueixón sairá publicado na plataforma de contratación do Estado nos próximos días.