Bisbarra, 3 de maio do 2024 – Despois do enfrontamento no Consello escolar de abril, a conciliación de verán abre unha nova crise entre ANPAS e concello de Ames.
As ANPAS emitiron a pasada noite un comunicado no que se opoñen ao cambio de ubicación do programa de conciliación xuño lúdico no Milladoiro. Este programa está na actualidade en período de inscrición e pasaría de desenvolverse na Escola Infantil do Milladoiro ao colexio de Ventín.
Os representantes dos pais explican que “non se tiveron en conta as necesidades das familias xa que na Asemblea Extraordinaria celebrada pola ANPA da EEI Milladoiro o 24/4/2024 as familias votaron en contra desta modificación”.
O argumento principal das ANPAS é que o cambio obriga ás familias a desprazarse fora do núcleo do Milladoiro. Destacan que durante o curso Ventín ten transporte escolar, algo que non sucedería en xuño.
Tamén mostran a súa preocupación ante a posibilidade de que as instalacións non estean adaptadas para nenos de infantil xa que se trata dun centro de primaria. Engaden ademais que “nin sequera se seguiron os trámites previos formais necesarios e a día de hoxe aínda nin se consultou nin se conta coa autorización do consello escolar do centro de destino que é o CEP de Ventín”.
As ANOAS de Ames consideran que o concello “está a desprezar as necesidades das familias usuarias do servizo, e ademais está a actuar sen cumprir nin cos pasos formais necesarios, o cal resulta especialmente grave”. As familias rematan o comunicado pedindo que a ubicación do xuño lúdico vola á Escola Infantil do Milladoiro.